Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

A Mariña verase afectada polas esixencias da Unión Europea

Por 24 Marzo, 2021Sin comentarios

A Mariña luguesa será unha das grandes afectadas polo novo regulamento de control que quere aprobar a Unión Europea e que traerá un paro na xornada do venres e unha oposición frontal da Federación de Confrarías de Lugo.

A proposta de Totais Admisibles de Capturas (TAC) adoptada para estas especies ante a falla de acordo co Goberno británico supón establecer ata o 31 de xullo a parte proporcional sobre o total anual das posibilidades de pesca recomendadas polo CIEM para o presente exercicio, o que leva consigo un axuste nas cotas de varias das especies principais para a frota galega.

Isto, a falla de que se acade un acordo definitivo co Goberno británico, supón dificultades para especies obxectivo da frota galega como a pescada, o gallo, a xarda ou o lirio, entre outras, explicou. Non obstante, sinalou a titular de Mar, é preciso esperar ás cifras definitivas unha vez se acade o acordo co Reino Unido.

Mentres, a parte positiva é que permite seguir faenando á frota galega nas augas noroccidentais europeas e manter a súa actividade ata o 31 de xullo, expuxo, se ben este acordo provisional sigue deixando ao sector na incerteza e na indefinición sobre como organizar as pesqueiras para o resto do ano, podendo verse abocados a realizar axustes da xestión das cotas sobre un período cada vez máis exiguo.

En xeral, destacou a conselleira, o acordo parcial e temporal acadado non recolle os aspectos sociais e económicos que vén demandando Galicia. Nesta liña, explicou Rosa Quintana, a comunidade autónoma galega seguirá defendendo de cara ao acordo definitivo co Reino Unido que a Comisión Europea teña en conta o principio establecido na Política Pesqueira Común de manter o equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais.

Ante esta situación Galicia segue tendendo a man ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para continuar traballando e marcar unha liña estratéxica na defensa dos intereses do sector nesta recta final da negociación entre a Unión Europea e o Reino Unido para determinar as posibilidades de pesca definitivas para as augas do norte. Neste labor Galicia sempre pon en valor os datos e argumentos que recada co obxectivo de que á hora de fixar as cotas, ademais de ter en conta os aspectos medioambientais, tamén se consideren o impacto no sector e na economía e deste xeito preservar a actividade da frota.

Nesta liña a conselleira do Mar sinalou que unha cuestión é a de fixar as posibilidades de pesca, na que debe primar a súa mellora, e outra cuestión diferente é sentar as bases do acordo co Reino Unido, na que debe primar a instauración dun sistema xusto e equitativo de asignación de cotas e a estabilidade xurídica para o sector.

Neste Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que se celebrou entre onte e hoxe, Galicia volveu a acompañar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das comunidades autónomas españolas. Nel fixáronse as posibilidades de pesca ata finais de xullo deste ano en augas compartidas co Reino Unido para que a frota poida seguir desenvolvendo a súa actividade mentres non se acada un acordo definitivo co Reino Unido.