Skip to main content
Barreiros

O PP de Barreiros negocia varios proxectos coa Xunta

Por 7 Marzo, 2021Sin comentarios

A máxima dirixente do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, presidiu unha reunión de afiliados do PP de Barreiros na que tamén participou o coordinador do PP da Mariña e deputado autonómico, José Manuel Balseiro; ademais do portavoz municipal, José Manuel Gómez Puente.

O novo voceiro do PP de Barreiros comeza así as primeiras reunións cos afiliados en grupos reducidos para chegar a todos, unha vez que é posible manter xuntanzas respectando as medidas de prevención, distanciamento e aforo. Gómez Puente trasladoulles o traballo que continúa a facer o Grupo Popular na corporación co obxectivo de lograr o apoio da Xunta para importantes proxectos no municipio.

O popular mantivo, neste sentido, unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta recentemente na que lle pedía unha maior implicación do Goberno galego para aquelas infraestruturas máis necesarias para o municipio.

O novo portavoz quere manter un contacto estreito cos afiliados aos que considera “unha das partes máis importantes dun Partido”. Unha vez analizada a nova situación do Grupo Municipal Popular, explicoulles que “manteremos, na medida do posible, encontros periódicos” para “recoller ideas, suxestións e queixas sobre a xestión do actual goberno local” facendo partícipes da política activa aos afiliados.

Gómez Puente sinalou tamén a súa vontade de “construír xuntos o proxecto do Partido Popular de Barreiros”. E, para iso, “convida aos veciños a poñerse en contacto con nós para sumarse á familia do Partido Popular onde serán acollidos de moi bo grao”. En relación á vontade de abrir o Partido a xente nova o popular nomeou especialmente “á xente moza que comparta os ideais do PP” para seguir sumando en beneficio de Barreiros.