Skip to main content
Barreiros

O Concello de Barreiros comeza as obras nas vías municipais

Por 15 Marzo, 2021Marzo 16th, 2021Sin comentarios

Barreiros deu comezo aos traballos de mellora e arranxos en vías municipais que estaban a espera da meteoroloxía. A mellora do tempo permite iniciar traballos de arranxos en vías municipais, que comezaron a pasada semana co selado de varios camiños executados no 2019 e cuxo remate non foi aceptado polo actual goberno.

Os traballos realizados nas parroquias de Celeiro e San Miguel refírense a camiños proxectados con abeiro ao Plan Único do 2018, que foi executado na súa maioría nas semanas previas ás eleccións do 2019. A solución adoptada á hora de dotar de firme estas vías municipais non foi satisfactoria, por non ter resistencia suficiente ao seu uso, polo que o actual goberno, con carácter previo á devolución do aval de ditas obras, requiriu unha mellora das vías que amosaban un deterioro importante para o tempo transcorrido desde a execución das mesmas.

Desde o concello anuncian que nos vindeiros días se iniciarán as obras correspondentes ao plan marco de camiños, que financia a Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural, e do plan único do 2020, con fondos provintes da Deputación de Lugo.

Estas obras mellorarán varias vías na parroquia de San Cosme, Benquerencia, San Miguel, Celeiro, Vilamar, Cabarcos e Vilamartín Pequeno. Ademais, xa está en marcha a aprobación do plan único e o plan marco do ano 2021, que achegarán arranxos ao resto de parroquias, como Reinante, San Xusto ou Vilamartín Grande.

O concelleiro de obras, Antonio Veiga, pediu desculpas polas molestias que poidan causar durante a execución, pero manifestou que se trata de “obras moi necesarias e que se tratan de facer co mellor criterio en canto ao uso das vías por parte da veciñanza”. Neste sentido explicou que “dado que a rede viaria municipal é moi extensa e está nun estado de mantemento precario, o goberno trata de priorizar aquelas vías con máis uso e que dan acceso a vivendas para, nunha fase posterior na que a veciñanza teña garantidas as condicións de acceso rodado ás súas casas, poder ampliar as actuacións a vías máis secundarias.”

Veiga tamén explicou que se está a realizar unha importante labor de control das obras executadas, xa que o bon fin dos cartos públicos e a obtención de resultados adecuados á necesidade é fundamental en calquera administración pública.” A este respecto, anunciou que nunha política de control da execución das obras, o Concello de Barreiros optará sistematicamente pola realización de controis de calidade das mesmas por parte de empresas especializadas nos mesmos.