Skip to main content
Burela

Gaban os esforzos dos traballadores da residencia de maiores de Burela

Por 16 Marzo, 2021Sin comentarios

Visita do delegado da Xunta á residencia e maiores de Burela

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a residencia de maiores de Burela para coñecer a situación do centro, agradecer o “inmenso esforzo” realizado no último ano e valorar os proxectos e obras que están en marcha.

O delegado mantivo un encontro co novo director, Óscar Molina, nomeado recentemente en substitución de Patricia García, que cesou a petición propia e continúa prestando servizos na Consellería de Política Social. Arias quixo agradecer expresamente “a ela e a todos os traballadores e traballadoras o excelente labor que realizaron, especialmente nos peores momentos da pandemia”. Igualmente, gabou a actitude dos usuarios e as súas familias, “que puxeron todo da súa parte para facilitar o traballo nesta difícil situación”.

A Consellería habilitou nos últimos meses un espazo exterior na residencia para que as persoas usuarias puideran saír e practicar deporte; o proxecto completarase coa instalación dunha pérgola cuberta. Igualmente, está en marcha a contratación das obras para a substitución das carpinterías en todas as habitacións. Estas iniciativas suman un orzamento de 215.000 euros.

No que respecta ao patio, construíuse un peche na esquina onde conflúen as rúas Emilia Pardo Bazán e Covamoura, onde xa había un pequeno parque biosaudable, que agora poden utilizar os residentes con maior seguridade.

Mellora da eficiencia enerxética

O proceso de licitación das obras de substitución das carpinterías -ao que se presentaron seis empresas- está xa moi avanzado e resolverase proximamente. Suporá a renovación das ventás das catro plantas dedicadas a habitacións, instalando carpinterías de aluminio con perfiles provistos de rotura de ponte térmica, caixón de persiana térmico incorporado e dobre acristalamento de baixa emisividade térmica, entre outras características.

A actuación redundará nun maior confort para os usuarios. Ademais, mellorará a eficiencia enerxética, logrando un aforro no consumo de calefacción e a conseguinte redución de emisións contaminantes á atmosfera.