Skip to main content
Cervo

Novo investimento no polígono cervense de Cuíña

Por 4 Marzo, 2021Marzo 6th, 2021Sin comentarios

A Consellería de Economía, Empresa e Innovación destinou 231.000 euros a habilitar un punto de recollida e selección de residuos así como unha vía de acceso á depuradora de San Cibrao no polígono industrial de Cuíña, en Cervo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as novas dotacións acompañado polo alcalde, Alfonso Villares, entre outros. Destacou que as actuacións foron financiadas polo Goberno galego nun 80% ao abeiro do programa de achegas para a mellora dos parques empresariais galegos, que lles permite tanto corrixir posibles carencias como adaptarse ás novas necesidades e incorporar máis servizos. En suma, afirmou Arias, pretende “ofrecer ás empresas infraestruturas e servizos que lles permitan ser competitivas”.

No caso do parque de Cuíña, a Xunta apoiou con 120.000 euros as obras de construción dun punto de recollida, selección e clasificación de residuos non perigosos, para o que se acondicionou unha parcela de propiedade municipal de 1.641 metros cadrados, contigua á nave na que estacionan os vehículos de recollida de lixo do concello.

Entre as actuacións executadas figuran o acondicionamento do terreo, construción de muros de compartimentación e de peche, instalación da rede de recollida de augas pluviais e acondicionamento de accesos. Neste sentido, a entrada xeral realízase a través dunha porta automática de 5 metros de lonxitude para permitir un cómodo acceso dos vehículos pesados. Ademais, hai unha conexión directa coa zona de estacionamento dos vehículos municipais do servizo de recollida de residuos.

Pola súa banda, 111.000 euros foron destinados a construír unha nova vía con aparcamentos para acceso á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de San Cibrao.

Sobre a traza preexistente, ampliouse e pavimentouse a plataforma, e engadiuse unha beirarrúa para maior seguridade tanto dos peóns como dos vehículos que transitan pola zona, en boa parte tráfico pesado.

Así mesmo, acondicionouse unha área de estacionamento, e completáronse os traballos   coa instalación de sumidoiros, iluminación pública e sinalización.