Skip to main content
CervoMar AMARIÑAXA

Acordo unánime na Deputación para a creación dunha autoridade portuaria propia para San Cibrao

Por 30 Marzo, 2021Marzo 31st, 2021Sin comentarios

Mónica Freire pediu a PPdeG e PSdG que respalden con feitos o seu posicionamento a favor da creación dunha Autoridade Portuaria en San Cibrao e da apertura ao tráfico comercial do dique norte do porto de San Cibrao.

Tras lograr o apoio unánime da corporación provincial a unha moción presentada polo BNG neste senso, a deputada mariñá reclamou o compromiso das forzas estatais para dar resposta a unha demanda do tecido socio-económico da comarca que o BNG trasladou en diferentes ocasións ás institucións.

Na súa exposición, a deputada nacionalista lembrou que a actual configuración da Autoridade Portuaria supón unha discriminación para a comarca que ve como os recursos que xenera, fundamentalmente a través da actividade de Alcoa no porto de San Cibrao, non reverten no territorio. A este respecto, sinalou que os Orzamentos Xerais do Estado non contemplan investimentos no ámbito portuario de San Cibrao.

Mónica Freire tamén incidiu no potencial comercial do dique norte do porto de San Cibrao e reclamou unha apertura “que suporía unha maior dinamización económica da Mariña, o que nos parece prioritario e urxente ante o incerto futuro industrial da co marca”.

“Alégranos a unanimide pero alegraríanos aínda máis que cando se ten a oportunidade de dar solución a esta demanda histórica se faga”, insistiu Mónica Freire. A este respecto, lembrou que “despois de defender en campaña electoral, no 2011, a apertura do dique norte de San Cibrao, tres anos despois, Jaime de Olano, votou en contra desta proposta nunha Comisión de Fomento no Congreso dos Deputados”.

Mónica Freire denunciou o “cinismo” desta forma de facer política e reclamou que, desta vez, “se faga xustiza coa comarca”. “Ogallá sexa a última vez que traemos esta demanda ao Pleno, porque iso significará que se atende esta demanda que hoxe máis que nunca é importante para a comarca da Mariña”, concluíu.