Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAFoz

Nosa Señora do Pilar cumpre 75 anos de labor

Por 16 Marzo, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O centro privado focense, que leva comprometido coa educación na Mariña desde o 1946, abriu o prazo de matrícula.

As Irmáns Franciscanas da Purísima chegaron hai 75 anos a Foz para facerse cargo da educación das nenas da vila e da contorna. Despois de instalarse nun local do Patronato Martínez Otero, pasaron anos mudándose de localización ata que en 1974 trasladaron definitivamente a súa labor docente ao novo edificio, situado agora na rúa que leva o seu nome. Adaptándose as necesidades e esixencias da sociedade o colexio pasou a ser en 1985 un centro mixto. O seu actual director, Juan J. Vivero, non dubida en afirmar que “hoxe en día se continúa coa mesma ilusión a tarefa docente e espiritual comezada anos atrás”.

Na actualidade o colexio está considerado como un centro docente de titularidade privada, con personalidade xurídica, plena capacidade e autonomía recoñecida na lexislación vixente. Oferta os niveis educativos de Infantil, Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria, nos que este curso están matriculados un total de 300 alumnos e alumnas. O centro católico, que conta con 25 docentes, “persegue educar na convivencia e na paz”, explica Vivero engadindo que consideran a educación “como un proceso harmónico que leve a acadar o desenvolvemento integral da persoa”. Para isto, seguen metodoloxías que potencien “o traballo intelectual para que cada alumno e alumna desenvolva ao máximo as súas capacidades”. “Formamos na análise e o sentido crítico que os capacite para o discernimento e a toma de decisións e estamos comprometidos cunha educación integral que promove o desenvolvemento académico e humano do noso alumnado”, expón o director, que incide en que ademais se someten a avaliacións de calidade anualmente.  Por todo isto, o obxectivo principal do colexio consiste en “formar alumnos e alumnas con sentido crítico, adecuadamente preparados no académico e no socio-afectivo para afrontar os cambios e desafíos da sociedade, construíndo un mundo máis humano e fraterno”.

Para acadar as metas descritas, no colexio do Pilar traballase en sinerxía coas familias, “procurando que nais, pais e profesores sexan un equipo para o progreso educativo.

Os resultados académicos virán en función da implicación de todos os que formamos parte da comunidade educativa, familias, alumnado e escola”. Deste xeito contan cunha Asociación de Nais e Pais que colabora estreitamente ca institución en moitas das actividades que se desenvolven ao longo do curso. Ademais, para facilitar a conciliación das familias, o centro oferta diferentes servizos como o programa madrugadores, dende o que se recibe aos pequenos e pequenas no centro a partir das 8:00 h gratuitamente, o servizo do comedor, que conta con menús elaborados no centro baixo un control nutricional, o servizo de transporte dende concellos limítrofes e o seguro escolar.

Outra das prioridades da entidade educativa é a práctica deportiva, “ofrecemos unha ampla gama de actividades: psicomotricidade, predeporte, baile, fútbol sala, baloncesto, tenis de mesa, karate, atletismo… Ao longo do ano practicamos diferentes modalidades e participamos en múltiples eventos deportivos”.  Tamén fomentan a formación para o tempo libre con outro tipo de actividades extraescolares como teatro, coro, informática, robótica ou guitarra, ademais da preparación dos exames Cambridge.

O colexio foi un dos primeiros en incorporarse á rede de Centros Plurilingües da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso 2010/2011. Na actualidade imparten inglés na área de Plástica dende 1º a 6º de Primaria e unha hora máis da materia de inglés en 1º e 2º da ESO. Como único Centro BEDA da Mariña, neste curso 2020/2021 acadaron o nivel Bilingual Excellence Model. “Contamos cunha auxiliar de conversa nativa,  2 horas á semana de 1º a 6º de Primaria e 1 hora á semana de 1º a 4º de ESO e somos centro de referencia da Mariña para a realización dos exames oficiais de Cambridge”. O alumnado realiza os exames de Cambridge no propio centro (A1, A2, B1,B2) con descontos do 30% por ser centro BEDA. Dende o colexio tamén se programan viaxes de inmersión lingüística a Londres e Intercambios Erasmus+.

Unha das vertentes fundamentais da institución educativa é o seu vinculo coa relixión, “somos un centro católico inscrito na misión docente da Igrexa e, como tal, propoñémonos ofrecer aos alumnos una educación completa e integral, dende o Ideario Católico, dentro de un clima de responsabilidade”. A entidade réxese pola carga horaria que indica a Administración para a materia de relixión, “os mestres que a imparten, todos segrares neste momento, contan coa titulación correspondente DECA e DEI requiridos para este fin”.

A difícil situación do curso pasado co comezo do confinamento en marzo fixo que tiveran que adaptarse a dito acontecemento, “grazas a que tiñamos xa avanzado en varios cursos a ferramenta Classroom afrontamos a nova situación utilizando esta plataforma, fixemos videoconferencias co alumnado a través de Meet ou traballamos con outros medios en liña. Foi unha situación difícil pero afrontámolo do mellor xeito posible”. Agora, ao comezo do novo curso 2020/2021, adaptaron fisicamente os espazos para seguir os protocolos hixiénico-sanitarios nas escolas e prepararon as ferramentas en liña para que todos os cursos as puidesen usar en caso doutro posible confinamento. “Tivemos que adaptar tres aulas, así como un novo comedor para poder manter as distancias. Incorporamos biombos tamén para a aula de informática e tódolos elementos recomendados para combater esta pandemia. Contamos coas infraestruturas telemáticas e calquera alumno ou alumna que estea confinado segue a actividade lectiva diaria en liña”.

O colexio da Nosa Sra. Do Pilar ten aberto durante o mes de marzo, dende o día 1 ao 22, o prazo ordinario de solicitude de admisión de novo alumnado para o curso que ven. Na súa páxina web, www.colexiodopilarfoz.es, pódese atopar máis información ao respecto.