Skip to main content
Mondoñedo

Comeza o cambio de luminarias no centro de Mondoñedo e obras en Combarro

Por 3 Marzo, 2021Sin comentarios

Estado do formigón en Combarro

En Mondoñedo comezan as obras incluídas na primeira fase do proxecto para o aforro e a mellora da eficiencia enerxética do alumeado do casco histórico, que terán un custo de 129.500 euros. Segundo as previsións dadas a coñecer, os traballos consistirán na substitución de parte das actuais luminarias por lámpadas LED, máis eficientes, e na actualización de dous cadros de mando existentes, para adaptalos á normativa vixente. No prezo deste contrato inclúese o compromiso asumido polo contratista de substituír 240 luminarias.

Coa execución das obras previstas, os técnicos estiman que se logrará un aforro enerxético do 48,11%. Na segunda fase está prevista a substitución doutro cadro de mando, así como a renovación doutra parte dos puntos de luz; o aforro enerxético estimado será do 59,20%.

O proxecto de intervención no alumeado do casco histórico de Mondoñedo recolle tamén a actualización do cadro de mando da iluminación ornamental da Catedral, para adaptalo á normativa vixente.

O Concello de Mondoñedo logrou captar no seu momento fondos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que xestiona o Ministerio de Transición Ecolóxica a través do Instituto para a Diversificación e o aforro da enerxía (Idae), para a renovación do alumeado público exterior do casco histórico e o alumeado ornamental da Catedral. O obxectivo é diminuír o consumo e aumentar a eficiencia enerxética. Previamente, o Concello conseguira no 2019 unha subvención do IDAE para iniciar a renovación de puntos de luz no rural.

COMBARRO

Por outra banda, tamén deron comezo as obras de reposición do formigón na localidade de San Vicente de Combarro, moi necesarias debido ao estado de deterioro no que se atopaba dende hai tempo.