Skip to main content
Mondoñedo

Comeza a rehabilitación da Fragua no barrio dos Muíños de Mondoñedo

Por 11 Marzo, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, investirá 37.289 euros nas obras de conservación da cuberta do edificio da Fragua e a edificación anexa no barrio dos Muíños. 

Na actualidade os inmobles presentan a cubrición en mal estado de conservación, con lousas que se atopan desprazadas e cunha manta de mofo en toda a superficie da cuberta.

Trátase de dúas edificacións tradicionais de pedra con parede medianeira entre elas e con outro inmoble, e que figuran recollidas no catálogo de bens culturais, naturais e paisaxísticos do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente en xuño de 2016. Malia que se atopan fóra do contorno do conxunto histórico, os edificios están situados dentro da delimitación do Camiño de Santiago declarado BIC.

AS ACTUACIÓNS

As dúas edificacións son propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo e ocupan unha superficie de 265 metros cadrados. As actuacións que se planean respectan tanto os materiais coma a configuración e sistema construtivos existentes. Son as seguintes: a demolición e levantado da cubrición de lousa existente, a reposición da lousa irregular de dimensións similares á que hai e a reposición da ripia por unha de castiñeiro.

Os traballos teñen un prazo de execución dun mes e permitirán por en valor un dos barrios con maior potencial cultural da localidade, debido a que nel se atopan distintos obradoiros artesanais de recoñecido prestixio no sector.