Skip to main content
AbadínMondoñedo

O PP pedirá o arranxo da estrada entre Mondoñedo e Abadín

Por 13 Marzo, 2021Sin comentarios

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Elena Candia, José Manuel Balseiro e Daniel Vega, promoverán un acordo no Parlamento galego polo que insta ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a que solucione con urxencia os problemas da N-634, entre Mondoñedo e Abadín.

Os deputados sinalan que a incapacidade do Goberno central por ofrecer solucións aos reiterados peches da autovía do Cantábrico, como consecuencia dos intensos bancos de néboa, obrigan a empregar como itinerario alternativo esta estrada de titularidade estatal que, na actualidade, presenta múltiples deficiencias.

“Os accesos a nacional 634 desde a autovía seguen sen iluminación e o firme está moi deteriorado, polo que resulta urxente acometer obras de mellora así como garantir un mantemento periódico e axeitado ao elevando número de vehículos (moitos deles de gran tonelaxe) que transitan pola mesma cada vez que se produce un peche da autovía”, afirman.

Segundo o PP resulta urxente que o Executivo central adopte as medidas precisas para garantir a seguridade aos usuarios, xa que a falta de iluminación e o mal o estado que hoxe presenta constitúen un risco elevado, e moito máis nos próximos meses nos que coa chegada do verán, se produce un incremento moi significativo do tránsito por estas vías.

Recentemente municipios como o de Mondoñedo sumábase a esta reivindicación que acolle o sentir maioritario da veciñanza da zona, de moitos transportistas que fan uso habitual desta estrada e dos usuarios da autovía do Cantábrico que anos despois da súa construción aínda non dispón dun sistema efectivo para evitar os peches de circulación que intensifican nos vindeiros meses.