Skip to main content
Comarca LUGOXAMondoñedoOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Clausurado en Outeiro o obradoiro de emprego conxunto de oito concellos

Por 26 Marzo, 2021Sin comentarios

A Consellería de Emprego e Igualdade financiou con 300.000 euros o Programa Integrado de Emprego promovido conxuntamente polos concellos de Outeiro de Rei, Rábade, Friol, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín e Mondoñedo, no que se formaron durante un ano 100 persoas desempregadas, a maioría delas menores de 30 anos.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou hoxe durante a clausura que a Administración autonómica destina importantes recursos a impulsar a formación para o emprego con ferramentas como os programas integrados ou os obradoiros, medidas que “chegan a unha parte importante dos concellos da nosa provincia e supoñen un impulso e mesmo un estímulo para que moitas persoas desempregadas melloren a súa formación e logren integrarse no mercado de traballo”.

A iniciativa que vén de finalizar púxose en marcha cun obxectivo mínimo de inserción laboral do 35% dos participantes. Ademais de impartir o certificado de profesionalidade de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, as accións que se levaron a cabo incluíron técnicas para mellorar a busca de emprego, habilidades para realizar entrevistas de traballo, estratexias de motivación persoal ou de autoemprego. Tamén a elaboración de itinerarios de inserción individual, tendo en conta o tecido empresarial asentado nos distintos municipios e os perfís profesionais que demandan.

Por último, Arias resaltou que a Xunta continuará apoiando os instrumentos dirixidos á mellora da ocupabilidade e da inserción laboral en colaboración cos concellos e con entidades pertencentes a diversos sectores.