Skip to main content
Mondoñedo

Convocada unha nova edición do certame Manuel Leiras Pulpeiro

Por 29 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo ten aberto o prazo para a presentación de traballos á que xa é a décima edición do certame Manuel Leiras Pulpeiro, coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.

O prazo para a presentación das poesías, que deben ser inéditas, de temática libre e cunha extensión máxima de 150 versos, será o 15 de setembro. As obras deben enviarse por correo postal á dirección Concello de Mondoñedo, Praza do Concello, 1; 27740 Mondoñedo. Terá que ir en sobre pechado e presentarse cun lema e título para manter oculta a identidade do autor.

O xurado, que estará integrado por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, outorgará tres premios. O gañador levará 1.500 euros, 600 o segundo e 300 o terceiro, ademais de diploma e placa conmemorativa todos eles.

A decisión do xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada aos autores seleccionados mediante correo certificado.

A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no outono.