Skip to main content
Mar AMARIÑAXARibadeo

Rematan a metade das obras previstas no porto de Ribadeo

Por 2 Marzo, 2021Sin comentarios

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten destinado a melloras no porto de Ribadeo nos últimos meses un investimento total de 550.000 euros, dos que 265.000 euros corresponden a actuacións xa executadas e 280.000 a actuacións comprometidas en proceso xa de licitación. Así o explicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, hoxe en resposta a unha pregunta oral na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia.

Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia vén de rematar a dragaxe da canle de acceso a Mirasol e o peirao deportivo, por importe de 200.000 euros así como a eliminación da escaleira de fábrica no espigón norte, para a ampliación e mellora da atracada e instalación de defensas no peirao pesqueiro, cun importe de 50.000 euros. Finalmente tamén se actualizou o sistema de pesaxe da báscula do peirao comercial, por 15.000 euros.

Na súa intervención, a presidenta de Portos subliñou que estas actuacións únense ás que se atopan xa en fase final de licitación e que son o deseño dunha solución para a mellora da axitación interior no porto deportivo; o deseño da solución para a mellora do edificio de departamentos de Porcillán; e o equipamento de instalacións de seguridade no porto comercial, conforme ao código internacional de seguridade PBIP. En total, estas actuacións comprometen 280.000 euros.

Finalmente, a presidenta de Portos expuxo que o ente público está a tramitar para o porto de Ribadeo unha das actuacións de maior relevancia do conxunto da planificación portuaria, que é a dragaxe plurianual do porto. Esta acción prevé unha actuación inicial de dragaxe e tres máis de mantemento en anos posteriores e o proxecto conta cun importe de 3,8 millóns de euros.

Susana Lenguas valorou os investimentos do seu departamento en Ribadeo e lembrou que se trata “dun porto de referencia no sistema autonómico e, en base a iso, Portos de Galicia planifica e executa as inversións que precisa e que axudan a impulsar o seu papel clave na xeración de riqueza e emprego para a comarca”.