Skip to main content
Ribadeo

Organizan un concurso de fotografía en Ribadeo

Por 5 Marzo, 2021Sin comentarios

Acisa Ribadeo convoca a XI edición do Concurso Fotográfico Día do Pai. A presentación de traballos poderá facerse desde este sábado, 6 de marzo, ata o 19 deste mes. As imaxes deberanse subir á páxina de facebook da asociación.

As bases do concurso recollen que as fotos presentadas non puideron ser publicadas previamente en revistas, xornais, libros impresos ou sistemas online. Tampouco puideron ser obxecto de ningún outro premio fotográfico. As imaxes elixidas deben ter unha resolución 2MPX (1920X1080) para a súa posterior impresión e exposición.

As instantáneas deberán ser tomadas nun establecemento asociado a Acisa Ribadeo, buscando unha simbiose entre a relación pai e fillo e o feito de mercar no comercio local. E sempre que sexa posible deberá indicarse o nome do establecemento onde se fai a fotografía.

Os traballos deberanse subir á páxina de facebook de Acisa, mediante a app que se instalará para tal efecto e que comezará a funcionar ás 00:00 horas do día 6 de marzo. O prazo de presentación de fotografías rematará ás 23:59 horas do día 19 de marzo e ata esa data terá lugar a votación popular. A publicación oficial do fallo realizarase o 22 de marzo.

O primeiro premio será unha cámara fotográfica FHD HDR-AS50B Black Sony valorada en 250 euros. Os segundo e terceiro premios serán 60 e 40 euros, respectivamente, en vales de compra de Acisa. As fotografías premiadas e presentadas poderán ser utilizadas nas diferentes plataformas de difusión da asociación, co único obxectivo de promocionar a fase participativa do concurso.