Skip to main content
Cultura AMARIÑAXARibadeo

Dores Fernández, AC Francisco Lanza: “Temos que celebrar que esta é unha entidade que segue viva e actuante”

Por 7 Marzo, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Dores Fernández fala sobre o 50 aniversario da Asociación Cultural Francisco Lanza.

Imaxe de arquivo dunha feira do libro organizada pola asociación cultural Francisco Lanza en Ribadeo

Ribadeo conta con cidadáns e institucións comprometidas co pobo e a súa cultura, que fan o labor de preservar un dos bens máis poderosos de Galicia, a súa lingua e a súa historia. Hai 50 anos que nesta vila da Mariña se fundou unha desas entidades que a día de hoxe segue traballando para recoñecer o patrimonio cultural da zona, a Asociación Cultural Francisco Lanza. A súa actual presidenta, Dores Fernández, chegou a Ribadeo destinada como docente no ano 90 e, cando coñeceu a Asociación, implicouse sen dubidalo.

Como empezaches a traballar ti coa Asociación?

Cheguei a Ribadeo e o descubrir unha Asociación que representaba Os vellos non deben namorarse ou que facían outro tipo de actividades… eu iso non o vira noutras cidades, para min foi unha sorpresa. Celebrábase a feira do libro e para nos era unha festa, fun coñecendo a xente a través das actividades da Asociación e acabeime unindo a ela.

Agora que facedes 50 anos, como tiñades pensado celebralo?

En principio, como toda a preparación do aniversario xa nos pillou na corentena estábamos expectantes e expostos ao que se puidera facer no momento. A nosa idea é facer algo ao aire libre ou en un sitio amplo. Temos a intención de xuntar a xente que colaborou coa Asociación durante todos estes anos, facer un convite con tódalas persoas que están e estiveron na agrupación. Dificilmente se poderá facer unha cea ou festival, pero o nosa idea é esa, facer unha convivencia e adicar a xornada de historia local que se celebra no verán á nosa historia, á historia da agrupación cultural. Esperemos que no verán se poida facer algo de convivencia e celebración.

Tamén publicaredes un novo número dos Cadernos Ribadenses, que atoparán os lectores?

Son uns Cadernos Ribadenses impresionantes, temos moitísimas colaboracións tanto actuais, literarias, mais outras colaboracións históricas, que nos contan a historia da nosa agrupación cultural, como naceu, os problemas que había, como era esa época e esa sociedade do momento. Esa parte dos Cadernos, que non vai ser a única, vai ser moi interesante. Participan persoas que fundaron a agrupación e contan cousas que naquel momento non podían saír á luz. Están tamén as colaboracións de outras persoas moi coñecidas con obras publicadas moi importantes.

Como foi o transcorrer da Asociación durante estes 50 anos?

Non é o mesmo papel o que tivo que o que ten hoxe en día. Aínda que a Asociación dende sempre naceu para defender a cultura e a lingua galega non está na mesma situación cando se fundou que a actualidade. Naquel momento as persoas que a fundaron tiveron que afrontar todo tipo de dificultades, estamos a falar dos derradeiros anos do franquismo, había censura, libros prohibidos… formarse non era sinxelo, crear a Asociación tivo moito mérito. Hoxe en día o fondo é o mesmo, a dignificación da cultura e a lingua galega, que segue necesitando esa defensa. O obxectivo é ese pero as circunstancias tanto sociais como políticas son outras. Hoxe para nós é fundamental dar a coñecer a cultura e a lingua dende unha perspectiva local, ademais de descubrir a nosa contorna e o noso medio, o lugar onde vivimos e a nosa realidade.

A que público dirixides os vosos esforzos?

Tratamos de facer as actividades o máis variadas posibles para atraer a todo tipo de público. Hoxe en dia é moi difícil atraer a xuventude, non so na nosa Asociación, por iso nos temos un interese especifico en que achegar a cultura a xente mas nova, e por veces conseguímolo. Todos os anos temos actividades para o público infantil e xuvenil, ben sexa teatro, musica en galego, actuacións de diverso tipo… Ademais da xente adulta, temos persoas fieis que acoden aos nosos actos e xente que se vai sumando. A historia local chama moita xente incluso xente de fora e tamén as actividades ao aire libre. Unha actividade que chega a moita xente é a de Palabras no balcón, lonas con versos frases de algún autor coñecido, normalmente o das días da letra galega, é unha actividade non ten un publico especifico, acollese moi ben incluso para os turistas vemos que lles chama a atención e compárteno nas redes sociais e mesmo os veciños e veciñas de Ribadeo.

Tedes previsto algún evento proximamente, malia a incerteza da pandemia?

Polo día das Letras Galegas pensamos seguir co evento de Palabras no balcón, xa que non haberá problema co tema da covid. Queríamos facer algo polo día de Rosalía pero non puidemos. Faremos os paseos por Ribadeo en canto se poida e tamén temos algunha charla apalabrada pero dependemos da situación. Este ano ímonos centrar no aniversario, imos celebrar os 50 anos da Asociación dalgunha maneira, en canto poidamos xuntar outra vez xente. Temos que celebrar que esta é unha entidade que segue viva e actuante, que ten moito futuro e esta a sumar moitas cousas positivas.