Skip to main content
A FonsagradaCastroverdePol TERRACHÁXARibadeoTrabada

As residencias da Deputación abren unha mostra propia sobre igualdade

Por 9 Marzo, 2021Sin comentarios

A rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo inaugurou onte unha exposición propia con fotografías dos usuarios e usuarias baixo o título Igualdade nas tarefas e profesións. O obxectivo é amosar o cambio de roles: as mulleres desenvolvendo tarefas asignadas socialmente aos homes e viceversa.

Esta iniciativa enmárcase nun conxunto de actividades que organiza a institución nas residencias provinciais –en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde– con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, baixo o lema Compañeiras de Vida, co obxectivo de poñer en valor o traballo feito polas mulleres ao longo da súa vida, tanto no ámbito dos coidados como na súa actividade profesional. Cada centro traballa en accións concretas como relatorios, cine, conversas e debates adaptados á realidade de cada unha das residencias.

Campaña audiovisual

A Deputación de Lugo ten en marcha nas redes sociais unha campaña audiovisual de sensibilización e visibilización do papel da muller no mundo laboral con motivo do 8 de marzo. A campaña consistirá na difusión de pequenas reportaxes elaboradas polo Servizo Provincial de Audiovisuais, nas que mulleres que residen na provincia de Lugo e traballan en profesións diversas contan a súa historia e vivencias persoais en primeira persoa.

Pancarta e alumeado da fachada

Dende o pasado venres e ata hoxe, da fachada do Pazo de San Marcos pendurarán pancartas en cor violeta en reivindicación da igualdade de homes e mulleres co lema Querémonos vivas, libres e iguais. Esta noite, como nestes días pasados, alumearase o edificio desa mesma cor, como símbolo da aposta firme e decidida da institución en defensa dos dereitos, liberdades e a seguridade das mulleres.

Declaración institucional

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario de febreiro unha Declaración Institucional a favor da loita pola igualdade, plena e efectiva, e dos valores do feminismo, factores esenciais para acadar unha sociedade xusta e para a mellora da democracia. Os grupos políticos con representación no organismo provincial -PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor dun texto realizado conxuntamente con motivo deste Día Internacional da Muller.

Na declaración, a Deputación fai fincapé en que a crise sanitaria e a conseguinte crise social e económica provocada pola pandemia da covid-19 afecta dun xeito máis grave ás mulleres e ás nenas, e que para cambiar esta realidade é imprescindible afrontar unha transformación social e estrutural dende a perspectiva de xénero, dende os valores do feminismo, dende a evidencia de que a crise da Covid está afectando máis ás mulleres e dende o convencemento de que o retorno á normalidade non é suficiente para as mulleres, porque a normalidade de antes de que chegase a pandemia seguía a estar baseada na desigualdade.