Skip to main content
Ribadeo

O PP pide ao Concello de Ribadeo que atope un lugar para o Xulgado de Paz

Por 18 Marzo, 2021Sin comentarios

O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos requiriu no Parlamento galego ao Concello de Ribadeo que, na maior brevidade posible, facilite unha localización axeitada para albergar con carácter definitivo as dependencias do Xulgado de Paz; así como que, en colaboración coa Xunta, realice sen demora as xestións oportunas para adecuar as dependencias provisionais deste Xulgado de Paz.

Alberto Pazos lembrou que o artigo 51.3 da Lei de demarcación e planta xudicial recolle que “as instalacións e medios instrumentais do Xulgado de Paz estarán a cargo do Concello respectivo, salvo cando fora conveniente a súa xestión (total ou parcial) pola Comunidade autónoma”. Deste xeito, criticou que o BNG “pretenda que a Xunta asuma a responsabilidade de proporcionar e manter as instalacións do Xulgado de Paz de Ribadeo, que corresponde exclusivamente ao Concello”.

Neste sentido, o deputado popular recoñeceu que “as instalacións municipais nas que se localiza o Xulgado de Paz de Ribadeo non compren coas mínimas condicións de salubridade e decoro” e subliñou que “cando o Concello pediu colaboración á Xunta para mellorar estas instalacións, o Goberno galego actuou coa mellor disposición e con total lealdade, a pesar de que a actitude amosada polo Goberno local non estea sendo tan xenerosa”.

“A Xunta, aínda que non tiña a obriga de facelo, ofreceu un local provisional para albergar o Xulgado de Paz durante a reforma das instalacións que ocupa na actualidade, dependencias que están a disposición do Concello e que poderán comezar a ser utilizadas en canto o Goberno de Ribadeo facilite un espazo para o arquivo”, sinalou o deputado popular.