Skip to main content
O Valadouro

O Valadouro celebrará un Mercado de Primavera virtual

Por 2 Marzo, 2021Sin comentarios

O alcalde do Concello do Valadouro,  Edmundo Maseda, acompañado da concelleira de cultura, Josefina Geada, presentaron o cartel promocional da Edición Virtual nas Redes do Mercado de Primavera 2021.

“Está chegando a data do Tradicional Mercado de Primavera e, un ano máis, non podemos celebralo como todos desexaríamos, xa que agora toca coidarse e en solidariedade coa nosa saúde non haberá mercado tal e como se ven realizando todos os anos, levaremos a cabo un Mercado de Primavera Virtual, porque non podemos pasar sen festexar dalgunha maneira esta data tan sinalada e esperada por todos”, explica o alcalde.

Así, este ano tócalle a XV edición, que será todo nas redes sociais municipais, rememorando os mercados, con vídeos, sketch, fotografías, concursos, etc.

Nesta edición contarán con tres concursos baixo o cancelo #MercadoPrimavera21. O primeiro será de zocas: con dúas categorías, infantil e adultos. Os participantes terán que decorar as súas zocas e subir unha foto ás redes sociais do Concello, cada unha das categorías terá 4 premios de 200, 100, 50 e 30 eurso, respectivamente.

O segundo concurso será de fotografías. Os participantes terán que facer ou buscar no seu arquivo unha foto relacionada co mercado de calquera edición e subila ás redes. Haberá 3 premios de 100, 50 e 30 euros.

Finalmente, haberá outro concurso de vestimenta. Os participantes terán que facer unha foto ou buscar en arquivo coa vestimenta de época e subila ás redes. Haberá 3 premios de 100, 50 e 30 euros.

Todos estes premios consistirán en bonos para gastar no comercio local, “colaborando así este Concello cos establecementos locais que tanto o necesitan nestes momentos”, explican.

As bases dos concursos e anuncios correspondentes iranse publicando nas redes sociais municipais.