Skip to main content
O Valadouro

Ferreira inicia o proceso de reorganización do seu tráfico

Por 31 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello do Valadouro iniciou os traballos para levar a cabo o proxecto de organización do trafico na vila de Ferreira, que ten como obxectivo axilizar a circulación no centro urbano. A empresa adxudicataria procedeu ao corte de rúas mentres se realizan os traballos de pintado e sinalización.

No novo plantexamento, organizouse o tráfico en base a catro mazás para que os vehículos podan xirar arredor do pobo e que sexa máis sinxelo o acceso ao centro ao mesmo tempo que se engaden prazas de aparcamento.

O cambio máis destacado é o cambio de sentido na entrada á vila desde a avenida de Mondoñedo, xa que o tráfico entrará de fronte na praza de Santa María pola rúa Andrés López Palmeiro. Unha vez na praza poderase seguir de fronte por López Palmeiro, virar á dereita e meterse na praza ou ben virar á esquerda e saír da vila cara ao parque de Rosalía.

No barrio de Triana farase outra mazá habilitando dous sentidos de xiro. Por esta zona poderase saír da praza polo parque e tamén entrar desde a ponte á praza e virar por Andrés López Palmeiro.

A terceira mazá sería a formada pola rúa do Xistral, que enlazará coa avenida de Viveiro, que será de sentido único de saída e contará con aparcamentos en batería, coa Avenida da Veiga pola rúa Fonte Nova. E desde a avenida de Viveiro tamén se poderá volver ao centro virando pola rúa Caiado.

Diante do consistorio habilitouse unha zona de aparcamento para que as persoas que vaian facer trámites poidan deixar o coche xusto diante o tempo que estean no interior.