Skip to main content
O Vicedo

O PSOE do Vicedo levará ao Pleno dúas peticións para a Xunta

Por 30 Marzo, 2021Sin comentarios

O PSOE do Vicedo defenderá no Pleno ordinario que se celebrará mañá dúas mocións dirixidas á Xunta de Galicia nas que solicitan por unha banda a creación dun fondo covid destinado aos concellos galegos e, pola outra, a posta en marcha dun plan de xestión do xabaril.

Así, con respecto á primeira idea, os socialistas queren que se poña en valor o traballo levado a cabo polos concellos galegos que foi clave para loitar contra a pandemia da covid-19. Queren que se inste á Xunta de Galicia á creación dun fondo extraordinario no orzamento da Comunidade Autónoma destinado ás corporacións locais dotado de, ao menos, 100 millóns de euros para este 2021 que se reparta con criterios obxectivos.

Segundo explica na súa moción, durante a pandemia os concellos volveron a mostrar novamente a importancia do municipalismo para garantir os dereitos básicos e fundamentais dos galegos e galegas utilizando fondos propios para todos os gastos de competencias impropias que se viron na obriga de asumir, como foron as desinfeccións dos colexios, as desinfeccións dos centros de saúde ou a tramitación dos procedementos sancionadores por incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a covid-19, entre outras medidas.

“No mes de novembro do pasado ano, o goberno de Alberto Núñez Feijóo presentou os orzamentos para a Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, nos que non só non contemplaba unha partida extraordinaria para os concellos para afrontar os gastos extraordinarios orixinados pola xestión da crise sanitaria, senón que inexplicablemente propoñían a redución dos fondos destinados aos concellos”, din.

XABARIL

Na súa moción sobre o xabaril, dirixida á Xunta de Galicia, o PSOE quere o respaldo do Pleno para incentivar ao Goberno autonómico a poñer en marcha un Plan de xestión do xabaril para controlar e estabilizar a súa poboación, consensuada cos sectores afectados e implicados. Tamén queren un Fondo de Corresponsabilidade dotado economicamente de xeito suficiente para o pago de indemnizacións de danos, e de medidas preventivas.

Outras das medidas que inclúen é solucionar o colapso do teléfono 012 de atención e información á cidadanía, que está a impedir que as persoas afectadas polos danos dos xabarís nos cultivos, poidan solicitar as axudas dentro do prazo de 72 horas que marca a normativa da Consellería de Medio Ambiente e dar solucións ás persoas afectadas por dito colapso que non puideron tramitar as axudas por dito motivo.

Finalmente piden que se extreme o control biosanitario nas fronteiras para evitar a chegada de partidas de carne de porco que puideran vir contaminadas co virus (PPA), ademais de elaborar un Plan de continxencia ante a posibilidade de que aparecese un caso en Galicia.