Skip to main content
Viveiro

Convocan as axudas para a compra de vivenda en cascos históricos

Por 16 Marzo, 2021Marzo 17th, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa que o Diario Oficial de Galicia publicou o 15 de marzo a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

O casco antigo de Viveiro atópase entre as zonas nas que a compra de vivendas está subvencionada e a Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico proporciona información sobre estas axudas e a súa tramitación.

Esta liña de axudas xa se convocara no ano 2019 orientadas persoas menores de 35 anos, coa intención de axudar á mocidade a afrontar a emancipación e o acceso a unha vivenda en propiedade, así como revitalizar e pór en valor os centros históricos.

Porén, nesta nova convocatoria introducíronse unha serie de cambios dirixidos a favorecer o asentamento de nova poboación nos conxuntos históricos, independentemente da súa idade, contribuíndo á dinamización social, económica e patrimonial destes ámbitos.

Deste modo, os beneficiarios poderán ser calquera persoa física maior de idade, en lugar de menor de 35 anos como en convocatorias anteriores.

Ademais, increméntase o límite máximo de ingresos esixido para acceder á condición de persoa beneficiaria, co fin de adecualo aos actuais prezos do mercado inmobiliario neses ámbitos, e modifícase a contía destas axudas. As axudas poderán ser de máximo o 20% do importe da vivenda, cun límite de 10.800 euros para os maiores de 35 anos e de 12.800 euros para os menores de 35 anos.

Para poder beneficiarse destas axudas é preciso cumprir certos requisitos, como ter uns ingresos inferiores ó 5,5 IPREM, non ter vivenda en propiedade, non ter débedas coas administracións, entre outros.

As vivendas obxecto da subvención deberán estar ubicadas no espazo delimitado polo Plan Especial de protección e reforma interior do casco antigo, aprobado definitivamente o 7 de agosto de 1997, cuxo plano se achega. Ademais, deben estar destinadas a vivenda habitual e permanente, entre outros requisitos.

Doutra banda, estas axudas poden ser solicitadas polas persoas que tiveran formalizado contrato privado ou escritura pública de compra venda con data posterior a 1 de xaneiro a 2021. Por último, o prazo de solicitude destas axudas remata o día 30 de setembro de 2021.

Para recibir máis información ou tramitar a solicitude da axuda, as persoas interesadas poden acudir á Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro, situada na Praza Maior, 1; ou chamar ó teléfono 982 562968.