Skip to main content
Viveiro

O BNG de Viveiro volverá preguntar pola xestión das instalacións deportivas

Por 29 Marzo, 2021Sin comentarios

A portavoz do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, preguntaba no pasado pleno de marzo como está a xestionar o Concello de Viveiro as instalacións deportivas municipais, “tras non atopar ningún tipo de información ao respecto relacionada coa cesión das mesmas, horarios ou dispoñibilidade para a veciñanza en xeral”.

O BNG considera que a alcaldesa María Loureiro “nun acto máis de falta de transparencia do seu goberno”, contestou con evasivas en base ás restricións da Xunta, “mais absolutamente nada de como está a ser a xestión municipal do seu propio goberno”.

Por isto, presenta dúas preguntas de nova para saber sobre a xestión destas instalacións. Quere saber de todas as instalacións deportivas e pistas que existen no concello, tanto cubertas como ao aire libre que conten con peche ou non, cales están en uso e cales están fechadas. Tamén se pregunta se existen acordos de cesións de instalacións deportivas e pistas a algunha asociación? Que instalación se cedeu? A que asociación? En que condicións?

Míriam Bermúdez incide en que “xa non só votan en contra de termos unha web municipal transparente e actualizada con información útil como esta, senón que tampouco responden ás nosas preguntas. Desde o BNG voltaremos a formular as mesmas preguntas, pleno tras pleno, até que sexan debidamente respostadas como calquer goberno democrático faría.”