Skip to main content
Viveiro

Alumnos do Lois Tobío de Viveiro participan nas actividades do Plan Life

Por 29 Marzo, 2021Marzo 30th, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo promoveu a implicación do alumnado do colexio público Lois Tobío de Viveiro nas actividades do programa Life In Common Land, unha iniciativa financiada con fondos europeos que lidera a institución provincial coa colaboración das universidades de Santiago de da Coruña e que ten como obxectivo a conservación dos hábitats e o aproveitamento sostible da riqueza ambiental da Serra do Xistral. Técnicos do plan ofreceron obradoiros e actividades no CEIP para trasladar aos nenos e nenas a importancia de manter e coidar este espazo protexido de alto valor ambiental.

Os técnicos da Universidade de Santiago de Compostela que traballan no Life impartiron aos rapaces e rapazas de 3º e 4º de Primaria do centro viveirense varias actividades co obxectivo de ensinar a importancia da conservación dos hábitats naturais na Serra do Xistral.

Os encargados da organización das actividades prepararon un kit de merchandising do proxecto para entregar aos nenos e nenas que participaron nas actividades. A cada alumno e alumna entregóuselle un caderno e un bolígrafo, unha mochila, prismáticos, unha cunca e unha lanterna.

Dende a organización do proxecto está previsto que, a medida que mellore a situación sanitaria actual, se poida levar este formato de actividades interactivas e didácticas a máis centros educativos da provincia. A utilidade destes obradoiros é poñer en valor e dar a coñecer aos máis pequenos os labores que se levan a cabo no marco proxecto Life In Common Land dun xeito entretido e dinámico.

Life in Common Land é un proxecto que lidera a Deputación de Lugo e que conta coa participación da a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Rede Natura 2000. O programa xurde co propósito de mellorar e traballar nas ameazas que afectan aos hábitats do Xistral como son as alteracións na composición do paisaxe, a degradación dos hábitats pola actividade humana ou o cambio climático.

O proxecto trata de conservar e xestionar os hábitats que forman parte da Serra do Xistral e construír espazos de colaboración orientados ao desenvolvemento medioambiental e socioeconómico da zona montañosa norte da provincia de Lugo.