Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAXove

A Xunta pedirá a aprobación do Plan de sustentabilidade turística para A Mariña

Por 13 Marzo, 2021Sin comentarios

Visita de Alfonso Rueda á nova área de autocaravanas de Esteiro, en Xove

A Xunta, na súa aposta polo desenvolvemento sostible, solicitará á Secretaría de Estado de Turismo que teña en conta o Plan de Sustentabilidade Turística para a Mariña lucense na convocatoria dos Plans de Sostenibilidade Turística en Destino do presente ano. A Xunta incluirá o proxecto na nova convocatoria se así o solicita a Mancomunidade de concellos da Mariña lucense.

Nunha visita do vicepresidente primeiro a Xove, onde Turismo de Galicia investiu 30.000 euros na liña de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural, Alfonso Rueda recordou que tanto o plan da Mariña lucense como Ourense Termal foron os que obtiveron maior puntuación da Xunta de Galicia de entre os que non foron seleccionados polo Ministerio de Turismo na convocatoria do ano pasado. Pero tendo en conta a súa importancia para os mariñáns e que a propia Secretaría de Estado de Turismo manifestou o seu interese en apoialos, a Xunta solicitará de novo a súa aprobación, agardando que esta vez si sexan seleccionados.

O plan ten en conta a importancia do potencial turístico da Mariña lucense e aposta pola súa transformación cun modelo máis competitivo, innovador e participativo. O obxectivo é reforzar a confianza do viaxeiro e fomentar a comarca como destino seguro tras o impacto da crise do coronavirus. O proxecto xustifícase na necesidade de poñer en valor os recursos das áreas rurais con potencial turístico e de atraer aos visitantes a un espazo que conta con todos os atractivos para a recuperación do sector logo da pandemia.

O Plan de sustentabilidade turística para a Mariña lucense conta cun investimento da Xunta de 1,3 millóns de euros para os vindeiros tres anos, que representa o 45% do orzamento total. O proxecto estaba incluído na proposta remitida ao Ministerio de Turismo o ano pasado, e atopábase entre os catro con mellor puntuación, xunto con Ourense Termal e os dous aprobados polo Goberno central, que foron os de Santiago de Compostela e o da Ribeira Sacra.

Alfonso Rueda anunciou que a Xunta presentará de novo o plan nunha visita a Xove, onde a Xunta investiu 30.000 euros nunha nova área para autocaravanas, aparcamento e zonas verdes. Froito dun convenio entre o Concello de Xove e a Axencia Turismo de Galicia, este novo servizo creouse nunha parcela de algo máis de 6.000 metros cadrados na praia de Esteiro.