Skip to main content
Axenda Caducada

David Pena, protagonista dunha formación da RFGF

Por 1 Marzo, 2021Marzo 19th, 2021Sin comentarios

O Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) desenvolverá unha nova actividade formativa na que participa o adestrador do Begonte, David Pena.

A organización que preside Iván Cancela organiza para o vindeiro venres 19 de marzo esta acción formativa dirixida a todos os adestradores adscritos ao Comité. Nesta ocasión, os protagonistas serán David Pena Roibás e Tomás de Dios.

David Pena é o actual adestrador do Concello de Begonte Fútbol Sala que milita na Terceira División Nacional. David, quen ascendeu a esta categoría con este mesmo club, é unha cara coñecida do fútbol base en Begonte, pero tamén en Rábade, onde se encargou durante anos de coordinar as escolas municipais. Ademais, tamén é adestrador de porteiros. A esa lista de equipos nos que desenvolve un brillante labor sumou outro máis importante se cabe, o da Selección Española, coa que foi convocado para participar nunhas xornadas de tecnificación en Las Rozas, en Madrid, cos porteiros da sub 17 dos combinados masculino e feminino.

Cómpre salientar que David Pena tamén foi finalista no I Certame de Promoción do Técnico Galego que puxo en marcha o Comité Galego de Adestradores da RFGF e o vindeiro venres 19 de marzo desembarcará nas xornadas formativas co seu relatorio Porteros de base. Estructura de entrenamientos por fases.

Xunto a el estará o salmantino Tomás de Dios, que regresou a casa hai tres anos da man do Salamanca FS co obxectivo de levar ao club ata cotas máis elevadas no deportivo e facer un camiño cara á profesionalización da entidade. O preparador charro participará nas xornadas formativas co seu relatorio De la táctica individual al juego simplificado.

HORARIOS

A xornada formativa organizada polo Comité Galego de Adestradores da RFGF celebrarase a través da plataforma Zoom e arrincará ás 20 horas con David Pena como primeiro protagonista. Unha hora máis tarde será a quenda de Tomás de Dios, que comezará co seu relatorio ao fío das 21 horas.

Cómpre salientar que esta actividade está dirixida só aos colexiados ao Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF).