Skip to main content
Axenda Caducada

Custodia do territorio inicia o venres un curso formativo on line

Por 1 Marzo, 2021Marzo 6th, 2021Sin comentarios

A Asociación Galega de Custodia do Territorio ten preparado para este venres e sábado un curso on line sobre o proxecto Reservas Vivas, que ten como obxectivo difundir a custodia do territorio como ferramenta para a participación social na conservación da natureza nas reservas da biosfera, con apoio da Fundación Biodiversidade.

O curso abordará algunhas das cuestións básicas para poñer en marcha iniciativas de custodia do territorio desde entidades sociais: desde como levar as ideas á formulación de proxectos, xestión básica de entidades ou do traballo en grupo. “Un curso para romper o xeo e perder o medo para poñerse ao choio na conservación da natureza sobre terreo”, explican.

No curso contan coa intervención de persoas que levan anos traballando en xestión de entidades e custodia do territorio, experiencias de diferentes persoas e entidades sobre o terreo e o saber de Altekio na xestión de equipos.

O curso está aberto a persoas de calquera procedencia, aínda que as persoas vinculadas coas reservas da biosfera obxectivo do proxecto terán preferencia.

O programa dará comezo o venres ás 17.00 horas coa benvida para continuar con dúas ponencias esa mesma tarde, sobre a problemática socio ambiental das reservas da biosfera e as ferramentas xurídicas da implicación cidadá.

O sábado reanudarase a sesión cun taller en grupos sobre como colaborar para conservar a natureza ao que seguirá unha charla e un novo taller sobre deseño de proxectos.

Finalmente, pola tarde, haberá outra ponencia sobre introdución ao traballo en grupo e sobre o proxecto de custodia.