Skip to main content
Axenda Caducada

Vilalba acolle unha obra de teatro sobre o confinamento

Por 16 Marzo, 2021Marzo 19th, 2021Sin comentarios

A plataforma creativa ButacaZero levará este venres 19 ás táboas do Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba, a partir das 20.00 horas, o seu novo espectáculo: a traxicomedia 32m2, unha peza de teatro absurdo sobre o encerro da pasada primavera. O proxecto de Esther F. Carrodeguas e de Xavier Castiñeira propón unha viaxe cara un pasado recente “á fin de provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade”.

A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan (Nuria Gullón e Xurxo Cortázar) unha parella que se considera “antisistema” e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación. Cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e o os ritmos frenéticos impostos na “vella normalidade” serán algúns dos temas que se visualizarán nesta peza.

O espectáculo, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e “sandadora” ante unha situación que marcou, e marcará, a vida de toda unha sociedade.

“Cremos que todo o mundo se poderá sentir identificado coa obra, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual, todas aplaudimos puntuais ás 20h, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras. Con ela propoñemos botar unha ollada a unha situación que marcou a vida de toda a nosa sociedade e recoñecernos en situacións absurdas que nos permitan comezar a curar as feridas e render homenaxe a quen marchou ou quen deixou o mellor de si mesmos nesta distopía”, expoñen Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira.

UNHA XIRA CONFINADA

A nova produción da plataforma ButacaZero preséntase ao público galego a través dunha serie de funcións nomeada Xira confinada, xa que todas as representacións de 32m2 se desenvolverán en diferentes recintos culturais galegos até o día 20 de xuño. Logo desta parada en Vilalba, a peza xirará por Muros, Cee e Pontevedra. Xa no mes de abril, 32m2 visitará as localidades de Arteixo, Noia, Melide, Boiro, Vilagarcía de Arousa ou As Pontes de García Rodríguez, entre outras. As funcións continuarán no mes de maio en Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, mentres que no mes de xuño ButacaZero achegará a súa máis recente creación a poboacións como Ferrol, Cedeira ou Tomiño. Todas as datas da xira pódense consultar na páxina web www.butacazero.net.