Skip to main content
Axenda Caducada

Xurxo Souto volve presentar a súa primeira novela, vinte anos despois

Por 17 Marzo, 2021Marzo 20th, 2021Sin comentarios

Este sábado, 20 de marzo o, ás 19 horas, Xurxo Souto celebra os seus vinte anos de literatura na Casa-Museo Manuel María e faino presentando o seu último libro escrito, Pangalaica, e a reedición da súa primeira novela, O retorno dos homes mariños, escrita hai vinte anos.

Pangalaica. Recortes poderosos son oitenta pequenos relatos que foron escritos e publicados durante o confinamento no xornal Nós Diario e que agora son recollidos e ilustrados nun libro editado por Galaxia. A publicación recolle as historias e as persoas marabillosas que Xurxo Souto foi topando nas súas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano; todas somos da aldea; Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!… (achegamos ligazón onde o propio escritor fala deste traballo https://www.youtube.com/watch?v=y9_0ul8V62Q&t=350s). O traballo tirado no mes de novembro de 2020, xa vai pola súa segunda edición.

O retorno dos homes mariños, editada hai máis de vinte anos por Xerais, é unha novela que fala do reencontro da súa xeración, da xente dos barrios, co mar, desde o punto de vista mítico dos homes mariños, mais tamén desde o punto de vista dese mar do que ninguén lles falaba.

Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Músico e escritor, en 1988 comezou a colaborar en diferentes medios de comunicación, nomeadamente na radio, onde conduciu os programas A Tropa da Tralla (Radio Coruña) ou Aberto por Reformas (Radio Galega). Escribiu dúas novelas e varios libros de relatos. Dirixiu a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Con outros compañeiros do barrio creou Os Diplomáticos de Monte-Alto, conxunto bravú. Tocou o acordeón en Tres Trebóns e, agora, é un dos compoñentes da Banda Xangai.

A entrada para asistir a esta actividade é libre mais é imprescindible anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.