Skip to main content
Axenda Caducada

Organizan rutas culturais e naturais por Ribadeo esta Semana Santa

Por 27 Marzo, 2021Abril 5th, 2021Sin comentarios

A Área de Turismo do Concello organiza durante a Semana Santa 7 percorridos guiados a través do importante patrimonio natural e cultural de Ribadeo. As visitas serán de balde e as prazas limitadas.

Trátase dunha serie de rutas, para todos os públicos, nas que se mostrarán aspectos moi diversos tanto dende o punto de vista natural como cultural. Dende o punto de vista natural darase unha ampla visión do patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral. Así haberá tres Xeorutas, 2 saídas para facer a dos Arcos e unha para a dos Ollos.

A edición especial da Xeoruta dos Arcos terá lugar os días 30 e 31 de marzo (martes e mércores)aproveitando as mareas vivas destes días entre As Catedrais e Xuncos, traxecto que discorrerá en todo momento pola area, e que se mostrarán tesouros pétreos ocultos que o resto do ano permanecen agochados polo mar.

O inicio da Xeoruta dos Arcos o martes, 30 de marzo, será ás 9:45 e rematará ás 12:15 horas. E a do mércores dará comezo ás 10:15 e concluirá ás 12:45 horas. A saída será desde o Punto de Información Turística da Praia de As Catedrais. Recoméndase levar escarpíns e traxe de baño, ademais de roupa e calzado adaptados ás condicións meteorolóxicas.

A Xeoruta dos Ollos está programada para o 1 de abril de 17 a 20 horas para gozar dos tesouros xeolóxicos deste treito litoral do fermoso pobo mariñeiro de Rinlo. O punto de encontro: praza de Santa Catarina en Rinlo.

A Área de Turismo tamén organiza dous roteiros guiados e interpretados polo patrimonio cultural. O 2 de abril (venres) ás 17:30 horas haberá un percorrido polo Ribadeo Indiano para dar a coñecer a súa pegada. O 4 de abril (domingo) ás 11:30 horas será a segunda saída deste percorrido. O punto de encontro estará situado diante da Oficina de Turismo de Ribadeo. E o 1 de abril (xoves) e o 3 de abril (sábado) haberá un percorrido polo Ribadeo Ilustrado. O primeiro día sairá ás 17:30 horas e o segundo día ás 11:30 da mañá. O punto de encontro tamén será a Oficina de Turismo de Ribadeo.

Estas visitas serán de balde, pero con prazas limitadas (8 persoas + guía). É preciso reservar en https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/. Manteranse todas as medidas hixiénico sanitarias por mor do covid19.