Skip to main content
Axenda Caducada

Cervo acolle este domingo un torneo de kaiak polo

Por 31 Marzo, 2021Abril 4th, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo acollerá o próximo domingo, 4 de abril, o 1º torneo de Kaiak Polo da Liga Galega nas categorías masculina e feminina, con todas as medidas de seguridade e prevención fronte á covid-19.

A proba, que é a primeira vez que se celebra nunha instalación pechada, foi presentada este mediodía polo edil de Deportes, David Rodríguez, polo responsable da sección de piragüismo do Club Deportivo San Ciprián, Iván González e polo vicepresidente do club Cidade de Lugo e delegado da federación galega de piragüismo, Martín Carballo.

A competición comezará ás 16:00 horas e está previsto que remate sobre as 20:00 horas. Xogaranse 10 partidos, 4 da categoría masculina e 6 da feminina.

Os clubs que participan son o Cidade de Lugo –único representante da provincia que competirá nas categorías masculina e feminina-; o Copacabana (masculina e feminina) o Penedo (masculina e feminina), o Rodeira (masculina), o Combarro (masculina) e o Club Náutico de Umia (masculina).

Adecuarase a piscina para poder realizar a competición de xeito que se delimitará un campo de 35×23, que son as medidas mínimas oficiais para practicar kaiak polo.

O edil de Deportes puxo en valor unha vez máis as instalacións deportivas municipais que temos en Cervo “que nos permiten poder apostar por este tipo de competicións cuxo impacto tamén se deixará notar no sector hostaleiro local que tanto sofre e sufriu esta pandemia, xa que se estima que se acheguen ata o noso municipio uns 100 deportistas esta fin de semana”, que agardamos que aproveiten tamén para desfrutar dos múltiples atractivos que ten o noso Concello; sempre respectando todas as limitacións vixentes.

Rodríguez tamén destacou o papel realizado pola sección de piragüismo do Club Deportivo San Ciprián que “exerceu de mediador para que esta competición se puidese disputar en Cervo; e que tamén están a facer un traballo importantísimo para achegar o piragüismo ás novas xeracións que pouco a pouco se van animando a probar este deporte”.