Skip to main content
Axenda LUGOXACervantes

Piornedo Anda organiza catro roteiros polos Ancares esta Semana Santa

Por 29 Marzo, 2021Sin comentarios
O colectivo Piornedo Anda levará a cabo un completo programa de roteiros esta Semana Santa, con propostas para o Xoves e Venres santos e tamén para a fin de semana.

Así, o xoves, día 1 de abril, farán a ‘Ruta do Avizolo’; o venres a ‘Ruta das papoulas’; o sábado, a ‘Ruta da memoria’; e o domingo, a ‘Ruta da prinda’.

Todos os roteiros iniciaranse ás 10.00 horas desde a palloza museo ‘Casa do Sesto’, en Cervantes, e farán un percorrido dunhas tres horas de duración, agás a ruta do sábado que é un pouco máis longa, cunha duración de ao redor de catro horas.

As persoas interesadas en participar nalgún destes roteiros guiados, que teñen un prezo de 4 euros, deben comunicalo nos teléfonos 630 411 518 ou 659 523 911. Os organizadores recomendan aos participantes levar pantalón longo e botas.

Coa organización deste tipo de rutas guiadas, que Piornedo Anda retomou este mesmo mes de marzo despois do parón obrigado pola covid, o colectivo busca poñer en valor “o corazón dos Ancares e a súa grande riqueza en canto a fauna, flora, etnografía e cultura”. O carácter etnográfico da actividade vén dado polas explicacións, da man de guías nativas, sobre os usos e costumes tradicionais do monte e da vida na montaña lucense.