Por Breixo González

Hoxe imos falar de un insecto, neste caso unha bolboreta que cuxas larvas presentan un risco pra as nosas mascotas, ese animal é a Procesionaria. A procesionaria (tamén chamada en Galicia carroceiro e arrieiro) é unha bolboreta cuxas larvas son parasitarias das coníferas e aínda que pode atacar abetos, cedros, a súa presa ideal son os piñeiros.

Son unha vista habitual na Terra Chá nos piñeirais, as eirugas forman uns niños para protexerse das inclemencias do tempo, se nos fixamos son esas bolas brancas que vemos nas copas dos piñeiros.

As  eirugas están neses niños  de setembro a marzo,  formando unha bola de seda engarzada coas pugas dos piñeiros, os invernos suaves que estamos a ter reduciron moito a mortalidade larval e agora mesmo só as chuvieiras de moita intensidade son capaces de destruílos.

Entre febreiro e abril as eirugas aliméntanse das pugas dos piñeiros (é un insecto defoliador) pero que case nunca producen danos graves as árbores) .

Tras alimentarse durante uns 30 días, entre febreiro e abril, é dicir, ao final do inverno, as eirugas nesta última fase larvaria descenden ao chan, en características filas indias (de aí o seu nome común de “procesionarias”). Fano así de maneira que se protexen mutuamente a cabeza, que é o alimento de moitos paxaros, desta forma quedan protexidas unhas por outras. Esta busca as zonas máis asolladas e cálidas, cando se trata de zonas frías e tépedas, ou busca lugares máis sombreados no caso de zonas de temperaturas cálidas. A temperatura óptima do emprazamento do enterramento é duns 20 °C.

Este é o momento no que poden resultar perigosas para as nosas mascotas , estas larvas estan cubertas duns “pelos” urticantes que poden soltar cando se ven ameazadas.

A reacción inflamatoria causada polos pelos prolóngase por mor da capacidade que teñen os pelos urticantes de permanecer cravados na zona da mucosa oral. A localización, o tipo de contacto e a precocidade do tratamento están moi relacionados co prognóstico e as consecuencias . O sitio mais frecuente onde se produce o contacto soe ser no fuciño causando inflamación dos beizos , lingua e enxivas. As a primeira lesión que observamos ten  forma de erosión e convertese moi rápido en úlceras e necrose dos tecidos. Os pelos urticantes transportados polo aire poden ter contacto coa zona ocular e nasal ocasionando inflamación das pálpebras , úlceras corneais e rinite. O primeiro que vemos na nosa mascota se entra en contacto é que o animal ponse moi nervioso,  tocase a boca coas patas, fai intentos de tragar  e babease traga as eirugas , observaremos vómitos. Isto evoluciona dun xeito moi rápido a unha inflamación  que en casos graves pode impedir que se peche a bocanun e que a lingua e debaixo de ela adquira unha cor azul ( por incapacidade de manter o rego sanguíneo) Se persiste a clínica progresa cara a unha afectación de todo o corpo  en forma de insuficiencia respiratoria, febre, convulsións, podendo desencadear unha coagulación intravascular diseminada e a morte.

A diagnose precoz é importante para limitar as secuelas e baséase nunha boa anamnese da contorna (considerar época do ano, posibles contactos con procesionaria) para diferencialo dun cadro de alerxia aguda a outros alérxenos. Tamén se debe descartar a picadura de insectos, o contacto ou inxesta de substancias cáusticas e a electrocución por mordedura de cables. De detectar eses síntomas , é fundamental acudir o veterinario o antes posible.

O mellor método de control é a propia natureza. A procesionaria posúe unha gran cantidade de depredadores, como insectos comedores de postas, as formigas vermellas, avespas, pequenos paxaros insectívoros, como o carboeiro, o ferreiriño, cuco, etc.). Tamén o Leirón careto, merlo ou tordo e a bubela, os cales capturan crisálidas enterradas. Por último, os morcegos, que se alimentan nas noites de verán das bolboretas, aínda que teñen serios problemas cos pelos urticantes das eirugas. E ademais, o corvo e a pega rabilonga. Pero aínda que os insectos e vertebrados son os máis vistosos, no control natural de procesionaria, destaca a eficacia duns fungos do chan, que conseguen dun modo moi importante romper o ciclo biolóxico desta especie. Trátase dos fungos do xénero Cordyceps, cuxas esporas quedan atrapadas entre os pelos das eirugas no seu descenso a terra na primavera. O soterramento destas e a humidade de terra favorecen a xerminación dos fungos sobre a crisálida  da procesionaria, alimentándose destes tecidos orgánicos e matando a bolboreta que se desenvolve no seu interior.  Tamén existen parasitos de ovo pertencentes á familia dos Himenópteros, que causan baixas importantes que poden chegar ata o 60% do total dos ovos da posta. . Todos estes depredadores e parasitos debemos de tentar coidalos e respectalos, para conseguir un control natural das poboacións. É tamén recomendable, sempre que sexa posible, non repoboar con especies de piñeiros sensibles á praga como os piñeiros exóticos (por desgraza a Terra Chá  esta ocupada  na maioría das plantacións de Piñeiro de Monterrey que é americano). Outro factor que favorece a expansión da bolboreta é a perda da biodiversidade, xa que o aumentar as masas de especies forestais monoespécicas de piñeiro e eucalipto e as veces misturadas, mais a perda do mosaicismo e a tala das frondosas nas beiras das fincas diminúe a presenza destes depredadores.