Skip to main content
Lugo

ENTREVISTA. “Queremos enviar máis bicicletas a Guinea pero tamén axudar en Galicia”

Por 7 Marzo, 2021Marzo 14th, 2021Sin comentarios

José Luis Pereira

José Luis Pereira é a alma mater do proxecto ‘Reciclyng Bicicletas Solidarias’, que desde fai dous anos se dedica a recoller e reparar bicicletas por toda Galicia para darlles unha segunda vida. Este garda civil de Tráfico, que presta servizo na Comandancia de Lugo, conseguía fai só uns días “pechar o círculo”: 175 desas bicicletas chegaban a Guinea Bisáu, onde son recibidas como un verdadeiro tesouro. Coa satisfacción das imaxes que lle remiten desde o continente africano, segue a recoller bicicletas dunha punta a outra da comunidade. O obxectivo, facer un novo envío a Guinea en 2022 pero tamén axudar a xente con poucos recursos en Galicia.

Como empezou con este proxecto?

Realmente empezamos a miña muller, o meu fillo e mais eu. Empezamos basicamente porque tiñamos moitas bicicletas do neno que non se estaban a usar, unhas porque lle foron quedando pequenas e outras porque as foi deixando, e dábanos pena levalas ao punto limpo así que pensamos en buscarlles unha saída á vez que podíamos axudar a alguén. Coincidiu que ao pouco tempo, a través dunha coñecida, contactei con unha persoa que está con unha ONG en Guinea Bisáu e pregunteille que lle parecería enviar alá as bicicletas. Díxome que alí non son un xoguete senón un medio de transporte. Esta ONG envía todos os anos un contenedor con diverso material para ese país e decidimos aproveitar para enviar as bicicletas.

E como conseguiron reunir as bicicletas?

A raíz de decidirnos a envialas a Guinea, puxémolo nos grupos de whatsapp que tiñamos, por se alguén tiña algunha que non estaba utilizando. Tamén creei unha páxina de facebook, básica de todo, para dar a coñecer a idea. A nosa intención era xuntar unhas 25 bicicletas, pero ao día seguinte xa as tiñamos. Fóisenos totalmente das mans.

Esperaban esa resposta?

Para nada esperabamos isto. A verdade é que co paso do tempo as entregas foron aumentando moito. Un señor de Barreiros que ten unha chatarrería deunos un camión de bicicletas, o GES da Ulloa tamén colabora con nós habitualmente, o cura de Meira igual… Empezamos a ter como pequenos colaboradores en moitos concellos e iso axudou a superar todas as expectativas.

E como organizan as recollidas?

Da recollida das bicicletas encárgome eu persoalmente, teño que ir organizando para facela por zonas, e sen que sexa demasiada cantidade tampouco, porque as recollo no meu coche. Somos unha familia normal e non podemos pensar en mercar unha furgoneta para isto. Onde tivemos que pedir axuda foi para o almacenamento. En principio deixábaas na ‘palleira’ da miña nai, pero cando xa xuntamos máis de 50 era inviable. Agora temos un local enorme que nos deixaron e aí xuntamos máis de 400.

Ademais desas colaboracións, contades con algún apoio económico?

Non, é todo por libre. Simplemente tivemos que pedir axuda para o tema do local, porque nos vimos desbordados. Tampouco fixemos unha asociación como tal ata fai un par de meses, por exemplo. Houbo ocasións nas que algunha persoa quería facer algunha achega, para colaborar, pero nunca a aceptamos. Agora apostamos polo crowdfunding, porque é certo que se queríamos seguir adiante algo había que facer.

Teñen entón idea de continuar co proxecto, cales son os obxectivos?

Como tiñamos máis de 400 bicicletas, e vimos que todas non collían no contenedor que iamos enviar a África, empezamos a contactar con distintos Concellos por se tiñan coñecemento de algunha familia en situación desfavorecida. Démoslle, por exemplo, unha a un rapaz de Portomarín que ía sempre andando ata a granxa na que traballaba, a 6 ou 7 quilómetros, e está feliz coa bicicleta. Agora queremos seguir enviando a Guinea, agardamos facer outro envío xa o ano que vén, pero gústanos moito poder axudar tamén por aquí. Son tempos complicados e hai moita xente que o está pasando mal, por iso contactamos cos concellos porque eles saben mellor quen poden necesitala de verdade.

O primeiro envío chegou fai uns días a Guinea, cantas bicicletas enviaron e como foron recibidas alí?

Si, chegou fai moi pouco, aínda me seguen enviando fotografías de novas entregas. Enviamos sobre 175 bicicletas, todas as que colleron no contenedor, realmente. Ían tamén varios palés de pintura, sillas e mesas das tradicionais das escolas, material médico… Era un contenedor de 40 toneladas, e ía todo encaixado como un puzzle. Agora están repartindo as bicicletas entre xente que as necesita. Hai que ter en conta que, como dicía, alí unha bicicleta non é un xoguete. Mercar unha bicicleta en Guinea pode supoñerlles dous meses de traballo e, por riba, teñen que ir buscalas a Senegal porque no país non se comercializan.

E que sensacións lle producen os vídeos das entregas?

Moita satisfacción, realmente necesitaba ver eses vídeos. Levabamos como dous anos facendo algo, con moitas gañas, coas dificultades da covid etc e recoñezo que precisaba pechar o círculo, por dicilo dalgún xeito. No fondo sempre tiñas esa dúbida de se de verdade as bicicletas ían chegar alá ou non. Ver isto é o que agora dá gañas de seguir. Ademais o meu fillo, que agora ten 13 anos, está moi implicado e eso tamén anima. Ao final esto é un proxecto solidario que tamén ten unha carga educativa.