Skip to main content
Castro de Rei TERRACHÁXAComarca LUGOXA

Bota a andar en Castro unha escola de carniceiros

Por 2 Marzo, 2021Sin comentarios

A Confederación de Empresarios de Lugo botou a andar a Fundación Agroalimentaria Galega, unha entidade que nace para xerar sinerxías e promover accións que contribúan a impulsar un sector fundamental para a economía provincial, o agroalimentario, aínda que o seu ámbito de actuación non se circunscribe a Lugo se non que abarcará a toda a Comunidade Autónoma. Este proxecto contempla tamén a posta en marcha dunha escola de carniceiros en Castro de Rei.

Coa firma da escritura constitúese tamén o seu padroado fundacional, que inicialmente estará integrado por Carlos Cebrián Escobar, en representación da empresa Suministros Megaro Foods S.L., que exercerá como presidente; Jaime López, secretario xeral da CEL, que exercerá como director xerente da Fundación e Eduardo Valín, de Embutidos Montepicato S.L., que desempeñará funcións de tesoureiro.

Carlos Cebrián, novo presidente da Fundación Agroalimentaria de Galicia

O fin xeral da nova entidade será o de “agrupar a diferentes organizacións empresariais, empresarios individuais, entidades mercantís empresariais e distintas entidades da Comunidade Autónoma Galega co obxecto de fomentar e promover o sector agroalimentario galego co seguinte desenvolvemento e potenciación do medio rural en Galicia”. Con maior concreción, a Fundación Agroalimentaria Galega busca que as empresas do sector agroalimentario poidan rematar ciclos produtivos en Galicia e incrementar o valor do PIB comunitario.

O primeiro presidente da Fundación Agroalimentaria Galega, Carlos Cebrián Escobar, é un empresario de orixe catalá afincado agora en Castro de Rei a través da empresa Suministros Megaro Foods, hoxe una das maiores empresas exportadoras da provincia de Lugo en volume e por países, podendo deste xeito achegar un gran coñecemento en materia de internacionalización a outras empresas do sector.

Obxectivos

Tendo en conta o fin fundacional, entre os obxectivos da Fundación Agroalimentaria Galega atópanse “a posta en marcha dun proxecto global de cooperación entre os distintos estamentos da sociedade da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de relanzar o sector agroalimentario galego”; “impulsar a consolidación do sector agroalimentario galego a través da innovación e a tecnoloxía”; “aglutinar e apoiar iniciativas para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega en áreas como dixitalización, automatización, sustentabilidade e desenvolvemento de produtos innovadores e/ou con valor engadido”, “impulsar iniciativas empresariais que redunden na promoción do sector agroalimentario de Galicia”; “potenciar e/ou arroupar calquera iniciativa económica, social e cultural que redunde en beneficio do sector agroalimentario galego e na súa proxección exterior”; “captar e atraer investimentos viables coa consecuente xeración de postos de traballo”; “potenciar a peme agroalimentaria galega”; “impulsar e promocionar iniciativas en materia de internacionalización das empresas agroalimentarias galegas” ou fomentar “a economía social no sector agroalimentario galego”.

Para a consecución destes obxectivos, a Fundación prevé a realización dunha serie de accións e, como paso previo, a elaboración dun “estudo de diagnóstico e perspectiva que analice en profundidade as prioridades de actuación”. Ente as actividades a deseñar atópanse desde a organización de “actividades formativas” especializadas, así como “promover estudos e publicación”, instituir “premios  como elemento impulsor de iniciativas empresariais” e, en xeral, axudar na “potenciación do medio rural galego”.

A Fundación prevé a incorporación de novos membros en condición de “adheridos, colaboradores ou de honra”, tras acordo do seu Padroado.

Escola de Carniceiros de Galicia

De forma paralela á Fundación e integrada na mesma, impúlsase tamén desde Lugo a posta en marcha da Escola de Carniceiros de Galicia. Con sede en Castro de Rei, este centro formativo especializado xa ten as súas instalacións preparadas para comezar a impartir cursos específicos para o sector cárnico. De feito, xa iniciou formacións en colaboración coa Cruz Vermella.

A través desta Escola realizaranse accións en busca do cumprimento dun dobre obxectivo: formar persoal especializado para diferentes actividades do sector cárnico e perfís que nestes momentos non se atopan no mercado laboral, e contribuír á inserción laboral dos alumnos formados, posto que a formación que se ofrecerá no centro estará estreitamente vinculada a ofertas laborais de empresas do sector.