Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXA

O PP pide explicacións no Senado do estado da alta velocidade a Lugo

Por 26 Marzo, 2021Sin comentarios

O Partido Popular vén de rexistrar a petición de comparecencia no Senado da presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e do ministro de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, José Luis Ábalos, co fin de que expliquen o estado no que se atopa a alta velocidade a Lugo. Os populares dan así continuidade ao compromiso asumido en días pasados no senso de “presionar para que o Goberno central non renuncie ás variantes proxectadas na liña ferroviaria Ourense-Lugo”.

O senador José Manuel Barreiro destaca que, “tal e como dixemos estas semanas, tanto en Monforte, como diante dos representantes da plataforma Lugo…Non Perdas o Tren, dende o PP estamos a traballar para que o Goberno non prescinda dos enlaces dos Peares e de Cadaval, xa que isto levaría implícito renunciar taxativamente á que a provincia quede sen alta velocidade”.

Neste senso, Barreiro sinala que “agardamos que se recapacite e que a señora Pardo de Vera e o señor Ábalos nos confirmen que dende o ministerio se vai a facer o que tiña proxectado o Partido Popular cando estaba na Moncloa. Realmente non pedimos nada extraordinario, só pedimos que se respecte o que esta feito e encamiñado, algo que é de sentido común”.

Segundo os populares, a decisión do Executivo central “racha por completo os compromisos que deixara proxectados e encamiñados administrativamente Mariano Rajoy” no plan de modernización e mellora da liña ferroviaria Ourense-Lugo. Concretamente, explican, estas dúas variantes reducirían ata en 23 minutos o percorrido dos 117 quilómetros que separan por tren ambas as dúas capitais, e cuxa construción permitiría aos lucenses aproveitar a conexión do AVE en Ourense e viaxar a Madrid en pouco máis de tres horas e cuarto.

 DEPUTACIÓN

Os populares farán a mesma petición o vindeiro martes na Deputación, a través dunha moción, coa que buscarán “o apoio unánime” de todos os grupos. “Isto vai máis alá dos partidos. É unha cuestión irrenunciable para esta provincia. Dende o PP así o entendemos e o reclamamos”, di Barreiro.