Skip to main content
A FonsagradaCultura LUGOXA

Entrevista. “Imos organizar ‘polavilas’ para non perder esa parte da nosa identidade”

Por 21 Marzo, 2021Marzo 23rd, 2021Sin comentarios

A asociación Antaruxas e Sorteiros xunta na Fonsagrada a preto de 200 socios que teñen un mesmo desexo: recuperar, coidar e promocionar o folclore tradicional do municipio. Con ese obxectivo, o vindeiro mes suman á súa ampla oferta de actividades as chamadas ‘polavilas’, unha invitación aberta a quenes queiran aprender os bailes das xuntanzas veciñais de outrora na Fonsagrada e a súa contorna.

Falamos con Emilia Llano, que preside o colectivo desde o pasado mes de outubro, deste e doutros proxectos.

Como entraches en contacto coa asociación?

Pois sinceramente entrei en contacto coa asociación como lle acontece a  moitos, levando aos meus fillos a algunha das actividades que ofrecían.

E como chegaches a ser presidenta?

Houbo un momento no que Antaruxas e Sorteiros tiña que renovar a directiva. Entón xuntámonos un grupo de nais e pais que tiñamos fillos nas actividades e decidimos dar un paso adiante e presentarnos. Así é como cheguei a ser presidenta da asociación, pero gustaríame destacar que a asociación a manexamos entre todos. Na directiva somos oito persoas, e as decisións tomámolas sempre xuntos, buscando o consenso.

Cantos socios ten Antaruxas e Sorteiros?

A día de hoxe somos uns 200.

Que actividades levades a cabo na asociación?

Antaruxas e Sorteiros ofrecemos na actualidade clases de música e de baile tradicional. En canto á música, temos clases de solfeo, de gaita, flauta traveseira, pandeiro, pandereta… Podemos presumir ademais de contar cuns excelentes profesores, como Pepe Vaamonde ou Ismael e Borja da Veiga.

Ides ademais poñer en marcha as ‘polavilas’…

Si, o mes que vén comezaremos coas clases de polavila. É unha actividade nova e con ela pretendemos que todos os veciños e veciñas, tanto da Fonsagrada como de concellos limítrofes como Negueira de Muñiz  ou os asturianos de Grandas de Salime ou Santa Eulalia, nos poñamos ao día cos puntos que se bailaban nesta comarca e nos arredores con ocasión das polavilas e as festas. O que buscamos con esta actividade é non deixar perder iso que forma parte da nosa identidade.

Tedes algún proxecto máis en mente?

A verdade é que temos proxectado poñer en marcha máis actividades, pero coa actual situación sanitaria todo se foi retrasando e non puidemos levalas a cabo aínda. En canto se poida comezaremos coas clases de ‘cantos de taberna’ e coas de ‘cantos de maiores’. Pero será cando se poida reunir un grupo máis numeroso de xente, porque agora estariamos moi limitados. No mes de abril agardamos comezar tamén con clases de baile e movemento para nenos e nenas de entre 3 e 7 anos. Se se pode, temos tamén en mente facer distintos obradoiros para aprender a tocar as castañolas, as tarrañolas e o birimbao. A curto prazo gustaríanos poder contar cos nosos mestres gaiteiros: Nela de Brés, Modesto de Murias, Maca… para que veñan a tocar de vez en cado cos nosos nenos e nenas e ensinarlles a raíz da gaita e o folclore da nosa terra.

Hai afección polo folclore tradicional na Fonsagrada?

Na Fonsagrada sempre houbo afección polo folclore. Desde fai máis de 50 anos a xente comezou a interesarse pola cultura dos nosos antepasados, e nós intentamos inculcárllela aos nosos nenos e nenas, para que non se perda a tradición e a nosa cultura.

Tedes apoios para levar a cabo as súas actividades?

Antaruxas e Sorteiros está en constante colaboración co Concello da Fonsagrada. Eles financian unha parte importante do noso local e das nosas actividades, na Feira do Butelo, o Corpus, as Festas Patronais… De feito, hai aínda uns días que asinamos con eles un convenio de colaboración de 10.000 euros. A Deputación e a Xunta tamén nos botan unha  man como asociación.

Se a situación sanitaria llo permite, Antaruxas e Sorteiros comezará en abril as clases de polavilas. As persoas interesadas en participar nesta actividade poden informarse chamando ao teléfono 699 013 965.