Skip to main content
Cultura LUGOXALugo

O Museo de Lugo recibe en cesión un triciclo do ano 1930

Por 26 Marzo, 2021Sin comentarios

O triciclo cedido

O Museo de Lugo vén de ampliar os seus fondos co ingreso de dúas pezas cedidas polos herdeiros do investigador e académico José Luis Basanta Campos.

Trátase dun xoguete-triciclo con cabalo de madeira, estrutura metálica e asento de bimbio de 1930, e un reloxo de sol vertical ortomeridiano realizado en lousa de pizarra con motivos decorativos e inscrición datado en 1953.

José Luis Basanta Campos, nado na Fonsagrada e de familia chairega, doou no ano 2010 unha colección de obxectos que abranguen varias tipoloxías de xoguetes datados entre o século XIX e mediados do século XX.

O Museo fixera daquela unha exposición temporal  para amosar este legado que logo sería ampliado incrementando a colección de Etnografía e Artes Decorativas.

A colección de xoguetes consta de corenta pezas que abranguen tipoloxías de xoguetes  tan dispares como medios de transporte, instrumentos musicais, aparellos de cine -un zoótropo ou un ‘ombro cinéma’-, xogos de construción, de taboleiro, ou pezas tan curiosas como  as miniaturas de chumbo relixiosas para “dicir misa”, á que agora se une o triciclo con cabalo de madeira.

O outro ben cultural ingresado complementará a colección de reloxos de sol do Museo Provincial de Lugo,  que se atopa exposta acotío no claustro.

A directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, sinalou que “o agradecemento institucional a este benfeitor faise extensivo aos seus fillos que son quen agora doan estas pezas en nome de seu pai falecido, e tamén lembramos a todas as persoas que desde a creación do Museo Provincial de Lugo en 1932 levan contribuído xenerosamente ao incremento das  coleccións”.