Skip to main content
Cultura LUGOXAPalas de Rei

Entrevista. “O teatro é unha fiestra aberta a un mundo mellor”

Por 28 Marzo, 2021Marzo 30th, 2021Sin comentarios

Afonso García, caracterizado nunha actuación

Falar con Afonso García é contaxiarse da súa paixón polo teatro. El é un dos pais de Metátese Teatro, o grupo afeccionado de Palas de Rei que hoxe segue dirixindo e que, a piques de cumprir as tres décadas de vida, segue descubrindo en moitos o gusto e o talento para a arte escénica. Máis de 200 persoas pasaron nalgún momento por esta agrupación que, cunha decidida aposta polo teatro social, se ten convertido nun dos grupos actorais con maior presenza internacional. Metátese Teatro é a mostra de que, con ilusión e gañas, todo é posible.

Cando entra Afonso García en contacto co teatro?

Cheguei ao mundo do teatro por casualidade, por amor. Aos dezasete anos cursaba COU no instituto de Melide e o profesor de Literatura española, Rosendo, preparaba a obra de Molière, ‘Menciñeiro á forza’ para presentala o Día das Letras Galegas. A dúas semanas da estrea, o actor que interpretaba o papel de Leandro abandonou a montaxe. Pediu na aula voluntarios para substituílo e eu fun o único que me ofrecín. Fíxeno porque no grupo estaba unha moza pola que suspiraba o meu corazón. Esa semente xermolou e xa nunca abandonei o camiño de ledicia plena co que me subxugaba o xénero dramático.

Que che aporta o teatro?

Apórtame coñecemento, sabedoría, ledicia, plenitude… O teatro é un camiño de construción persoal imprescindible na miña esencia como ser humano, un manancial de creatividade e experimentación, un universo de elementos enriquecedores e reivindicativos, unha fiestra aberta a un mundo mellor, unha ferramenta de igualación social, de integración de realidades desfavorecidas, de traballo cooperativo…

Como nace Metátese Teatro?

Nunha reunión informal de amigos, Xosé Manuel Pérez Paredes propón preparar un espectáculo teatral para o mes de agosto de 1993 para conmemorar o Día da dona verde en Vilar das Donas. Tratábase dunha festa de reivindicación da natureza e de defensa e loita contra os incendios. Estaba organizada pola Asociación A Capela, desta aldea. A todos nos pareceu unha idea excepcional e, o día 21 de decembro do ano 1992, tivemos o primeiro ensaio no local social da aldea de Vilar de donas. Ese foi o xermolo do grupo.

Agardabades naquel momento toda a traxectoria que viría despois?

Non. Naquel intre só queriamos preparar esa obra de teatro para a celebración da festa. O que ocorreu é que desfrutamos tanto da preparación, posta en escena e presentación da obra que decidimos seguir desfrutando do teatro e co teatro, e con esa filosofía chegamos ata hoxe.

Cantas persoas integran a día de hoxe Metátase teatro, e cantas persoas puideron pasar polo grupo ao longo das súas case tres décadas de traxectoria?

Metátese Teatro está integrado na actualidade por 24 actrices e actores, cunhas idades comprendidas entre os 15 e os 64 anos. Ao longo da traxectoria vital do grupo pasaron máis de douscentos integrantes.

Cal é a clave do éxito da agrupación?

A práctica dun teatro social, inclusivo e aberto a toda a comunidade. Todas aquelas persoas que son amadoras do teatro teñen un lugar en Metátese Teatro. Tentamos poñer en práctica un teatro que integre a  seres humanos de todas as idades, de todas as condicións sociais e culturais. Nunca entramos na dinámica da selección, senón que fomentamos a interrelación, o intercambio, o diálogo entre os integrantes e tamén coa sociedade e outras agrupacións.

Metátese Teatro destaca ademais por unha forte presenza internacional, achegando incluso a práctica teatral a países desfavorecidos… que destacarías destas experiencias?

As experiencias máis intensas, enriquecedoras e gratificantes foron precisamente as que vivimos nestes países desfavorecidos. O teatro sempre foi a ferramenta que vertebrou o noso traballo cunha finalidade social, integradora  e de concienciación. En Ecuador colaboramos, por exemplo, coa Fundación Kawsay en comunidades dos indíxenas saraguros na educación ambiental e a nutricional. Creamos un espectáculo onde se defendía o valor dos produtos que eles cultivaban, fronte á entrada da denominada por eles “comida chatarra”. Co MST (Movemento dos sem Terra) preparamos unha nun campamento en Apiaí e outra en Itapeva co obxectivo de sensibilizar sobre a violencia e os malos tratos. Esa mesma peza compartímola tamén na favela A Rocinha, en Rio de Janeiro.

En Mano de León, nunha aldea perdida na selva guatemalteca á que se accede despois de camiñar unha hora, levamos a escena cos rapaces da aldea unha peza de teatro sobre o valor das tradicións e a cultura propia. En Cuzco (Perú) cooperamos co orfanato Amantaní e coa organización Aldea Yanapay para achegar o teatro a un sector da poboación que non ten acceso á cultura. En El Salvador participamos na gravación dunha radionovela con Radio Tehuacán que pretendía a educación ambiental. Levamos tamén a cabo proxectos en países como Cuba, Arxentina, Xapón, Francia, Italia, Grecia, Rusia, Nepal…

Como definirías o tipo de teatro que facedes?

Pretendemos que sexa un teatro participativo, aberto, integrador, que xere autoestima grupal e individual, baseado nos modelos de Jerzy Grotowski, Augusto Boal -con quen coincidimos en Río de Janeiro no 2008-, Eugenio Barba… Isto levámolo a cabo en colaboración con asociacións dos países que mencionamos antes, e aquí en Galicia con proxectos de recuperación etnográfica como Son D’aldea ou Son do Mar.

Sodes un grupo afeccionado, como se compaxina o teatro coas ocupacións profesionais de cada un?

Os horarios de ensaio respectan a xornada laboral dos integrantes e, como as funcións acostuman ser na fin de semana, non hai ningún tipo de problema. As viaxes de intercambio a nivel estatal ou ao estranxeiro tentamos que sexan en períodos vacacionais, para que poida viaxar a maioría de integrantes do grupo.

De onde vén a afección dos veciños de Palas de Rei polo teatro?

É unha disciplina artística que presenta unha ampla tradición neste concello, pois xa desde fai moitos anos había grupos de teatro nas aldeas. En Albá, por exemplo, existía un grupo, que aínda lembran mulleres que participan no Son d’aldea, que dirixía o cura e que celebraba os seus ensaisos na casa parroquial. Tamén leva moitos anos funcionando o grupo de Amas de Casa de San Tirso de Palas de Rei, e a maiores xurdiu tamén Alentía Teatro.

Con que apoios contades?

O Concello de Palas de Rei cedeunos varios locais na Casa de Cultura para gardar o material de iluminación, son e atrezo, posibilítanos que ensaiemos no salón de actos e apoia tamén a Mostra de Teatro que organizamos a finais do verán. A través da Deputación de Lugo participamos ata o ano 2019 no programa Buxiganga e, o ano pasado, no ciclo ‘Táboas cheas de emoción’. Formamos tamén parte de FETEAGAL , a Federación Teatral Afeccionada de Galicia, e a nivel estatal de ESCENAMATEUR, a través das que participamos en cursos e realizamos intercambios a nivel galego, estatal e internacional.

Como está afectando a pandemia ao grupo?

Reducíronse de forma considerable as funcións e tamén nos dificultou os ensaios, pois obríganos a artellar outras formas de preparar os espectáculos. Debido ao número que somos, temos que ensaiar en pequenos grupos ou vía telemática, e iso é moi complicado.

Estades retomando as actuacións, coa posta en escena de ‘A Merliña’, que se pode atopar nesta obra?

Unha fábula adaptada a espectáculo teatral que se vertebra ao redor do xogo e a comicidade como ferramentas de crecemento. Unha merliña, unha pequena, simpática e graciosa personaxe, símbolo de esperanza dentro dun mundo gris transita na procura dunha resposta a unha pregunta universal: ‘Quen son?. Así comeza desde o seu niño un percorrido vital enriba das táboas do escenario no que ten que enfrontarse a diferentes personaxes larapeteiros, que son a personificación da avaricia, da gula, da prepotencia, do despotismo e da ruindade.

Como se presentan os vindeiros meses?

Intensos e con moita actividade teatral, pois temos proxectadas varias actuacións precisamente con ese espectáculo, que estreamos o domingo 7 de marzo na Casa de Cultura de Palas.

Metátese Teatro está detrás de numerosos festivais de teatro, tedes algo proxectado neste sentido?

Estamos inmersos, xunto coa Asociación Son d’aldea, na organización do seu décimo aniversario, tamén na gravación audiovisual de escenas teatrais creadas polo Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e na preparación da XXII Mostra Internacional de Palas de Rei, que será a finais de agosto. Ademais queremos, en canto a situación sanitaria o permita, retomar os intercambios con grupos doutros países e tamén a nivel estatal.

GALERÍA DE FOTOS