Skip to main content
Cultura LUGOXALugo

María Dolores Araújo gaña o certame Ánxel Fole coa obra ‘Imaxes roubadas’

Por 30 Marzo, 2021Sin comentarios

María Dolores Araújo é a gañadora do XXII Certame de Narración Curta Ánxel Fole pola obra ‘Imaxes roubadas’. O Concello de Lugo, que organiza anualmente este certame coa colaboración de Edicións Xerais de Galicia, deu a coñecer este martes a decisión do xurado que valorou “a linguaxe suxestiva” que axuda a organizar o relato e que pon a “literatura ao servizo do sentimento”.

María Dolores Araújo recibirá un premio de 4.000 euros e a súa obra será publicada por Edicións Xerais.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que o Certame de Narración Curta Ánxel Fole é “unha cita consolidada xa no calendario cultural galego” que permite ano tras ano “descubrir novas historias de gran calidade”.

O xurado decantouse por ‘Imaxes roubadas’ pola súa capacidade de “descubrirnos un mundo literario paralelo ao artístico”. A obra presenta 29 historias ateigadas de sensibilidade e tenrura, cunha linguaxe suxestiva que axuda a organizar o relato, que flúe e en ocasións remata de xeito sorprendente. En definitiva, “un monllo de relatos para ler, reflexionar e desfrutar, coa literatura ao servizo do sentimento e poucas palabras para transmitir profundas emocións”.

Integraban o xurado Antía Yáñez, enxeñeira de Camiños, escritora e docente; Rocío Leira, gañadora da anterior edición do certame; e María Xosefa Senín, licenciada en Xeografía e Historia, docente e tradutora.