Skip to main content
Antas de Ulla

Exponse ao público o proxecto eólico Maxal, que afecta a terreos en Antas de Ulla

Por 9 Marzo, 2021Sin comentarios

O proxecto eólico Maxal, que afecta aos concellos lucenses de Antas de Ulla e Taboada, está en fase de exposición pública. En concreto, a Consellería de Economía vén de someter a información pública as autorizacións, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o estudo de impacto ambiental e a solicitude de declaración de utilidade pública das instalacións.

O parque eólico Maxal, promovido pola empresa Galernergy nos concellos de Rodeiro, en Pontevedra, e Antas de Ulla e Taboada, en Lugo, afecta a terreos de máis de 400 propietarios. A relación de afectados publicouse no Diario Oficial de Galicia do pasado venres, 5 de marzo.

A documentación relativa ao proxecto eólico Maxal pode consultarse na xefatura territorial da Xunta en Lugo, solicitando cita previa a través do enderezo electrónico enerxia.lugo@xunta.gal ou nos teléfonos 982 889 087 e 982 294 666. Tamén se pode ver nos concellos de Antas de Ulla e Taboada, así como no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

No prazo de 30 días, a contar desde o 5 de marzo, as persoas interesadas e os propietarios de bens afectados, como tamén as persoas que sendo titulares de dereitos reais ou intereses económicos sobre os bens afectados fosen omitidas, poderán presentar as alegacións que estimen oportunas.

A previsión é que o parque eólico Maxal conte con nove aeroxeneradores e unha potencia de 40,5 megawatios, cos que a promotora estima acadar unha produción anual neta de 122.354 megawatios. O orzamento de execución do complexo supera os 43,6 millóns de euros.