Skip to main content
Antas de Ulla

AVA propón crear un centro de día no actual centro de saúde de Antas

Por 12 Marzo, 2021Sin comentarios

Alternativa Veciñal de Antas vén de rexistrar unha moción para solicitar a creación dun centro de día no municipio. Propoñen que o servizo se ubique nas instalacións do actual centro de saúde ou que se inclúa nas obras de ampliación previstas na residencia de maiores.

O grupo municipal teme que, co recente anuncio da construción dun novo centro de saúde, “se abandone definitivamente” o proxecto do centro de día mentras o edificio do actual centro médico “pode quedar abandonado, como outros inmobles públicos” de Antas. Por este motivo, propoñen que se estude o arranxo e acondicionamento do edificio que vai quedar baleiro para instalar o centro de día ou que, como posible alternativa, se reserve un espazo nas obras de ampliación da residencia da terceira idade “que a Xunta acaba de anunciar para este municipio”.

Para a concelleira María Gontá, esta pode ser “a última oportunidade” para ter un centro de día en Antas de Ulla e entende que as opcións que propón a agrupación veciñal serían “as máis prácticas e económicas”, polo que urxe que o Concello “a buscar apoio institucional da Xunta ou da Deputación para que non volva a quedar postergado o proxecto”.

Na súa moción, AVA argumenta que o centro de día é “un proxecto esencial” para o municipio, porque “conséguese garantir o dereito das persoas maiores a estar atendidas en condicións dignas e, ademais, porque un servizo destas características é un elemento que permite dinamizar o municipio, potenciar o comercio local e crear de postos de traballo de calidade”.