Skip to main content
Castroverde

Concursos de fotografía antiga e microrrelatos en Castroverde, con máis de 1.000 euros en premios

Por 24 Marzo, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

O Concello de Castroverde vén de convocar dous concursos: un de fotografías antigas e outro de microrrelatos. Repartiranse máis de mil euros en premios, que deberán gastarse en establecementos comerciais do municipio.

CONCURSO DE FOTOGRAFÍAS ANTIGAS

No I Concurso de fotografías antigas pode participar calquera persoa maior de idade con imaxes tomadas nalgún lugar de Castroverde antes do ano 1970. Poden ser tanto fotos familiares como de eventos sociais, deportivos ou de paisaxes.

As imaxes poderán enviarse ao correo info@concellodecastroverde.com ou entregalas nas oficinas municipais de Castroverde ata o 29 de abril. Cada unha delas irá acompañada dun breve escrito con información sobre a mesma, así como a data e o lugar onde foi feita. Poden presentarse en formato físico ou dixital, e están prohibidas as fotomontaxes.

O certame terá tres gañadores, que recibirán 200, 150 e 100 euros respectivamente. O premio terá que gastarse en calquera dos establecementos comerciais do municipio entre os días 10 de maio e 10 de xuño, o que deberá xustificarse presentando nas oficinas municipais os tiques ou facturas correspondentes.

O xurado, composto por expertos na materia, valorarán de xeito especial a información etnográfica e histórica das fotografías. Os gañadores daranse a coñecer o 10 de maio.

Coa convocatoria deste certame, o Concello de Castroverde pretende “reconstruír fotograficamente” a historia do municipio e difundir a súa “riqueza cultura, social, monumental e paisaxística”, ao tempo que favorecen a creación dun banco de imaxes antigas para posibles exposicións ou actuacións futuras.

CONCURSO DE MICRORRELATOS

Por outra banda, o Concello convoca tamén un concurso de microrrelatos que ten como temática os estereotipos de xénero. Este certame diríxese a persoas de entre 15 e 45 anos, que deberán presentar un texto orixinal, en lingua galega, cunha extensión mínima de 100 palabras e máxima de 150.

Os textos poden enviarse, desde o 29 de marzo ao 29 de abril, ao enderezo electrónico microrrelatos.castroverde@gmail.com. Enviaranse dous documentos, un co propio texto e outro cos datos do autor ou autora.

Os participantes deben escoller unha das catro frases propostas polos organizadores, á que deben facer referencia, directa ou indirecta, no seu escrito. As opción son ‘A muller ten que ser nai para estar realizada’, ‘Os homes son máis razón e as mulleres máis emoción’, ‘A cor rosa é para as nenas e a cor azul para os nenos’ e ‘Detrás dun gran home hai sempre unha gran muller’.

O concurso terá tres gañadores que recibirán premios de 400, 200 e 100 euros para gastar tamén en establecementos do municipio. Entre todos os participantes sortearase ademais unha tablet.

Os textos premiados publicaranse na páxina web do Concello de Castroverde que, con esta iniciativa, pretende chamar á reflexión sobre os estereotipos de xénero e os valores que se transmiten de xeito inconsciente, así como promover o uso da linguaxe non discriminatoria.

As bases e toda a información destes dous concursos poden consultarse xa na páxina web do Concello de Castroverde e na súa páxina oficial de facebook.