Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Dous veciños de Friol incorpóranse ás Novas Xeracións do PP

Por 8 Marzo, 2021Sin comentarios

O Partido Popular da provincia de Lugo continúa co seu obxectivo de incorporar máis xente moza a Novas Xeracións, e faino integrando na dirección desta agrupación a dous rapaces de Friol. Trátase de Enrique Barreiro Sánchez, de 31 anos e licenciado en ADE, e de Nerea Campos Fariñas, de 22 anos e técnico sociosanitario. O primeiro reside en Ramelle e, a segunda, e Seixón.

A presidenta provincial, Elena Candia, e a súa homóloga na formación popular dos mozos, Rosa Arza, acompañadas do alcalde da localidade, José Ángel Santos, manifesta a súa satisfacción por estas novas incorporacións que demostran “que somos unha gran familia, cunha gran vocación de servizo público e de compromiso coa provincia”.

Deste xeito, a agregación deste dous rapaces nos órganos directivos de NNXX dá continuidade ao traballo que se está a realizar “para ser cada vez máis, porque, destaca Candia, sabemos que xuntos, somos máis fortes”. En días pasados, activouse a agrupación de Guntín e rexistráronse novas altas en Burela e Vilalba.

A dirixente popular agradeceu persoalmente a Enrique e a Nerea “a súa aposta pola nosa formación”, así como a súa vontade para traballar pola provincia. “Nos tempos que corren non é sinxelo atoparse con dous mozos coma estes con tanto compromiso e entrega. Estou convencida de que a súa integración dá un valor engadido a Novas Xeracións e ao Partido en xeral. Son un exemplo para que máis rapaces e rapazas decidan dar o mesmo paso”, manifesta.

Máis encontros

Recentemente, Candia e Arza mantiveron tamén reunións por vía telemática cos membros de Novas Xeracións de Alfoz, Monforte, Quiroga e Triacastela. Nas vindeiras semanas reuniranse con mozos e mozas doutros municipios da provincia dando continuidade a esta liña de traballo.