Skip to main content
Comarca TERRACHÁXAFriolPalas de ReiXermade

Licitan as obras da primeira fase da estrada Friol-Palas

Por 9 Marzo, 2021Marzo 21st, 2021Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita hoxe a primeira fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-231, entre Friol e Palas de Rei, que suporán un investimento de 3 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a zona de actuación acompañado polos alcaldes de Friol, José Ángel Santos; Palas de Rei, Pablo Taboada, e Begonte, José Ulla. Explicou que a consellería xa traballa no proxecto construtivo da segunda fase, que completará o arranxo da estrada grazas a un investimento global de arredor de 6 millóns de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta publica hoxe a licitación da primeira fase das actuacións por importe de 2,6 millóns de euros. Tamén licita o contrato de asistencia técnica á dirección para o control e vixilancia, incluído a coordinación da seguridade e saúde da obra, cun orzamento de 189.400 euros. O investimento elévase ata os preto de 3 millóns tendo en conta as expropiacións das fincas necesarias para acometer o acondicionamento da vía.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 5 de abril para presentar as súas ofertas. Esta primeira intervención executarase dende o comezo da vía na travesía de Friol ata o acceso a Castrelo en Palas de Rei. Suman 9,4 quilómetros -practicamente a metade la lonxitude total- que discorren polo concello de Friol salvo os últimos 500 metros. A actuación conta cun prazo de execución de 12 meses.

O proxecto inclúe a ampliación da plataforma e outras melloras como a corrección do trazado nalgúns puntos, suavizando as curvas de menor radio. A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de 5 metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os 8 metros, con dous carrís de 3,5 m de ancho cada un e beiravías de 0,5 m, salvo na zona con máis edificacións.

A Consellería ten en marcha o proceso expropiatorio, e neste momento estase realizando o traballo de campo para proximamente citar aos propietarios e levar a cabo o levantamento das actas. O decreto de utilidade pública comprende as expropiacións de 222 fincas, cun orzamento duns 175.000 euros.

Paralelamente, avanza na segunda fase da intervención; o proxecto construtivo xa está redactado e en fase de supervisión técnica. A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros e forma parte do eixo vertebrador das comunicacións norte-sur a través das autovías: A A-54 (Lugo-Santiago) no enlace de Palas de Rei, e a A-6 (Lugo-A Coruña) no de Begonte, nun punto moi próximo tamén á conexión coa Autovía do Cantábrico A-8.

O último treito entre Friol e Begonte discorre pola estrada LU-P-1611. Cabe salientar que no marco destas obras tamén se mellorará o cruce do punto quilométrico 2+100 entre a LU-231 e esta vía provincial, que no outro sentido conecta con Guntín.

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.