Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Preparan o convenio para dotar de saneamento a parroquia friolense de Roimil

Por 19 Marzo, 2021Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle ao Concello de Friol a proposta de convenio de colaboración para dotar do servizo de saneamento o núcleo de Roimil.

Na actualidade, os lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira, na parroquia de San Xiao de Roimil, carecen de rede de saneamento de augas residuais, o que provoca vertidos que poden orixinar a contaminación dos acuíferos subterráneos, ademais de supoñer unha importante deficiencia da infraestrutura.

Mediante este convenio, desde Augas de Galicia proponse executar unha rede de saneamento e depuración de augas residuais nestes lugares do núcleo de Roimil. Estes traballos contarán cun prazo de execución de 6 meses.

Segundo recolle o texto do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 225.600 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Friol contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 56.400 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de catro meses, no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Este financiamento permitirá executar estas obras que teñen sido solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa sinatura do convenio remitido hoxe por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da achega que asume a Administración local.

Actuacións a executar

As obras proxectadas por Augas de Galicia consisten na construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total con capacidade de depuración para 200 habitantes.

A rede de saneamento componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.

Para o funcionamento do sistema de depuración inclúense partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.

Coa rede proxectada por Augas de Galicia veranse beneficiadas 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.