Skip to main content
Lugo

Lugo fará dúas catas arqueolóxicas no barrio do Carme

Por 1 Marzo, 2021Sin comentarios

Lara Méndez supervisou o inicio dos traballos

O Concello de Lugo promoverá dúas catas arqueolóxicas no barrio do Carme, co fin de poñer en valor o patrimonio histórico e cultural desta zona. Os traballos comezaron esta mañá e terán unha duración aproximada de catro meses.

A alcaldesa Lára Méndez explicou que as actuacións se levarán a cabo “en dúas parcelas situadas fronte á igrexa do Carme e á sala de exposicións Porta Miñá, á beira da rúa do Carme e do Camiño Primitivo de Santiago”.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo. “A súa finalidade é seguir afondado no coñecemento arqueolóxico desta zona, moi vencellada con dous dos principais camiños históricos da cidade: a Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo, e de gran interese arqueolóxico”, apuntou Lara Méndez.

As prospeccións realizaranse en dúas parcelas. Comezarase nunha primeira e, en función dos resultados, decidirase cara onde se encamiña a segunda cata. Esta será a terceira vez que se intervén na zona do Carme, logo dos traballos realizados polo servizo municipal de arqueoloxía nos anos 1994 e 2005.

Esas intervencións, lembra a rexedora, “revelaron a existencia nesta zona dunha importante ocupación do espazo urbano durante os primeiros séculos de existencia da cidade, que durante a súa etapa baixoimperial puido ter acollido espazos de carácter funerario ou necrópoles, vencelladas ao decurso da vía romana á súa saída da cidade”.

No ano 1994, o control arqueolóxico realizado na parte posterior da sala de exposicións puxo ao descuberto un tramo da cloaca romana e, nestes momentos, o goberno local traballa nun proxecto para poñelo en valor. Ademais, unha cata situada á altura do Camiño Primitivo permitiu descubrir restos de muros relacionados coa cidade romano Altoimperial.

Lara Méndez adiantou tamén que os resultados da intervención que se vén de poñer en marcha “permitirán avaliar a potencialidade dos restos xa que, de resultar relevantes, estudaremos a posibilidade de ampliar a área de intervención e planificar actuacións de futuro para dar a coñecer a súa existencia”.