Skip to main content
Lugo

Lugo aposta por “reivindicacións seguras” polo Día da Muller

Por 2 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo vén de presentar a “programación segura” que porá en marcha ao longo deste mes de marzo con motivo do Día Internacional da Muller, o luns 8.

A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, explicou que todas as actividades previstas serán “seguras e repectuosas coas medidas sanitarias” impostas pola covid. Neste senso, fixo un chamamento á “responsabilidade e a prudencia” e animou á cidadanía a evitar as habituais reivindicacións masivas do 8-M nas rúas. “As reivindicacións polo feminismo soen ser masivas e este ano deberán selo tamén, pero evitando as macro concentracións na rúa e ocupando outros espazos de visibilidade, como as redes sociais ou da nosa vida cotiá, como balcóns e xanelas”, indicou.

A programación municipal con motivo do 8-M arrancará ese mesmo día co acto institucional, onde se dará lectura á declaración aprobada en pleno por unanimidade.

Ese mesmo día, pola tarde, terá lugar a presentación, por vía telemática, do libro didáctico ‘En Lugo, sementamos igualdade’ de Llerena Perozo, no que se fai fincapé na igualdade como tarefa común e ofrece ademais unha guía de linguaxe igualitaria. O Concello de Lugo editou mil unidades deste libro, que se poderán recoller na Casa da Muller, no parque de Frigsa, solicitando cita previa no teléfono 982 29 7412.

REDES SOCIAIS

Na programación están contempladas tamén accións en redes sociais, instando á mocidade a que suban imaxes dalgún “recuncho feminista” de Lugo ou que deixen un comentario indicando unha frase con contido referente á igualdade, sempre empregando o cancelo #MulleresConForza. As persoas gañadoras, que se anunciarán o 9 de marzo, recibirán regalos da marca feminista da cidade de Lugo, Mulleres con Forza.

O sábado 13 terá lugar a segunda edición da xincana ‘Se o amor apreta non é da túa talla’, dirixida a mozos e mozas de 14 a 35 anos. Esta actividade aborda conceptos como o da media laranxa, os celos ou a paixón eterna, rachando con estereotipos estendidos na sociedade. É unha proba de estratexia e
habilidade coa que se pretende desmitificar o amor romántico e os tópicos que rodean as relacións sentimentais na procura da consecución da igualdade.

Ao longo do mes de marzo tamén se emitirán os vídeos que a cidadanía enviou para o certame convocado a través Tik Tok co fin de concienciar e loitar pola igualdade de xénero e contra as violencias machistas, e cuxo prazo para participar finaliza o 10 de marzo.

A través das redes sociais organizaranse ademais os primeiros diálogos de ‘Mulleres con Forza’, seguindo o tema da ONU Mulleres para o Día Internacional da Muller de 2021 “Mulleres lideresas: Por un futuro igualitario no mundo da covid-19”. O obxectivo é que se trasladen preguntas a varias mulleres referentes de Lugo sobre a igualdade e a súa traxectoria, que elas responderán despois nun vídeo. As cuestións pódense facer chegar ben a través das redes co cancelo #Diálogos MulleresConForza ou ao enderezo mulleresconforza@lugo.gal.

ANDAINAS E AUTOCINE

Os días 6, 13, 20 e 27 de marzo, en dúas quendas, unha ás 10.00 horas e outra ás 12.00 horas, terán lugar as andainas Mulleres Con Forza que percorrerán o Lugo máis feminino e  que están abertas a toda a cidadanía. Serán 4 prazas por andaina, seguindo as pautas sanitarias, e as inscricións faranse no 010 ou no teléfono 982 297 350.

Por último, Lugo acollerá a estrea da película ‘María Solinha’, de Ignacio Vila. Proxectarase en modelo autocine, para ver desde o vehículo, cunha duración de 2 horas. O filme reconstrúe a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII.

ACTIVIDADES INFANTÍS

Os máis pequenos tamén contarán con actividades para o seu desfrute, xa que o sábado, 13 de marzo, ás 12.00 horas, terá lugar un obradoiro, a cargo de Caxoto Contacontos, prantexado cunha metodoloxía activa participativa, cun importante compoñente lúdico, onde se tratarán os estereotipos de xénero, a corresponsabilidade, a parella e a violencia de xénero. Ten unha duración de ao redor dunha hora.