Skip to main content
Lugo

Reordenación do tráfico na contorna do colexio de Albeiros e na rúa Alba

Por 3 Marzo, 2021Sin comentarios

A Comisión de Tráfico do Concello de Lugo acordou este mércores levar a cabo unha reordenación do tráfico na contorna do colexio de Albeiros, así como nas rúas Alba e Río Oribio. Con esta medida, o Concello pretende “incrementar a seguridade peonil ao tempo que se redundará nunha mellora da fluidez que experimentará o tránsito que rexistra esta zona”.

Deste xeito, os cambios previstos suporán deixar en sentido único de circulación o tramo da rúa Flor de Lirio comprendido entre as rúas Juana La Loca e Rei Chiquito; o tramo da rúa Rei Chiquito que vai desde Flor de Lirio ata a rúa Alba; e o tramo da rúa Alba entre Rei Chiquito e Flor de Lirio.

Reunión da Comisión de Tráfico

De igual xeito, procederase ao cambio de sentido da rúa Oribio, desde Perpetuo Socorro ata Río Cabe, estendendo o dobre sentido de circulación en Río Cabe desde Río Támoga ata rúa San Lourenzo, e modificando o sentido da rúa San Lorenzo e a incorporación desde a mesma ata a Avenida da Coruña sen regulación semafórica (en sentido saída da cidade). Pola súa banda, a rúa Ferreiriño pasará a ser de sentido único cara a Avenida da Coruña dende Túnel de Oural.

A Comisión de Tráfico validou tamén a mellora e acondicionamento das prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida nas rúas Lamas de Prado, Montero Ríos e na Avenida da Coruña, así como a instalación de pasos elevados e bandas desaceleradoras en diferentes puntos da cidade co fin de “contribuír á diminución da velocidade en zonas de moito tránsito coa conseguinte repercusión para a protección cidadá”.