Skip to main content
Lugo

Xa se poden reservar as entradas para o concerto do 8M en Lugo

Por 4 Marzo, 2021Sin comentarios

As entradas para o concerto de Laura LaMontagne&Pico Amperio, Pauliña e Branca Villares, que se celebrará mañá venres 5, ás 19.15 horas, no auditorio Gustavo Freire con motivo do 8M, pódense reservar desde esta mañá.

As entradas son gratuítas pero cómpre reservalas e rexistrar os datos de contacto das persoas asistentes, seguindo os protocolos de prevención e control fronte á covid. Poden adquirirse na plataforma entradaslugo.es, ata 2 horas antes da actuación, ou unha hora e media antes do inicio do concerto na taquilla do propio auditorio.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove este concerto, no marco da súa aposta “pola actividade cultural para dar visibilidade ás reivindicacións feministas do 8M. A cultura é unha aliada na loita pola igualdade, especialmente no caso destas tres artistas que coinciden, cada unha desde o seu estilo, en formular a través da música un discurso feminista”.

PAULIÑA

Xa recoñecida polos seus directos nos circuítos musicais, onde compartiu escenario con músicos coma Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Fosi (DeLombaos) ou Zënzar, ou coa banda de rock-metal Nao, a cambadesa Paula Chaves lanza en 2018 o seu primeiro traballo discográfico “DeXeneración”.

Coa súa estrea ao vivo no Ourenrock Sound inicia un percorrido que a converteu nunhas das voces femininas con máis carácter e personalidade. No Nadal do 2018, publicou o EP “Decideu non ser de ninguén”, esgotado en dous días, e con milleiro de reproducións dos videoclips dos seus temas “Eu vin o mar chorar”, onde colabora con ela Valtònyc, e “Da vergonza”, un alegato contra a sentenza da manada.

En marzo de 2020, saíu á luz o seu novo traballo “A Malfalada” co que realizou máis de oitenta concertos ao vivo por Galicia e España acompañada pola súa banda, Pauliña. A mestura do country ca música folk, rock e blues, cun directo “potente”, caracterizan este proxecto que segue a medrar, cun terceiro disco en camiño.

LAURA LAMONTAGNE & PICO AMPERIO

Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio en xullo de 2019. Na súa proposta abordan campos musicais que oscilan entre a tradición galegoportuguesa das cantigas de amigo, ritmos electrónicos e ambientes íntimos provocados pola evolución das superficies de loops musicais. Poesía propia e adaptacións con impulso Beatnik de Rosalía de Castro, Lorca, Pessoa, Martín Codax e da poetisa compostelá Luz Fandiño.

O espectáculo plantéxase a modo de concerto Hip Hop, cun DJ Set e espacio para a intérprete. O dinámico e sorprendente universo sonoro que propón o dúo galego mistura voz, samplers, bases, scratch e loops en directo.

Como recoñecemento ao seu percorrido, conseguiron o primeiro posto na lista demoscópica de Mondosonoro, na edición de Galicia-Castilla León 2019. No 2020, o seu proxecto foi galardonado co Premio Martín Códax da Música, na categoría de Músicas Urbanas.

BRANCA VILLARES – PROXECTO CONSOANTE

Con Proxecto Consoante, Branca Villares rodéase doutras tres cantareiras e percusionista e máis do músico Pablo Pintor (zanfona e clarinete) para ofrecer unha proposta musical baseada no canto tradicional que move á reflexión sobre a violencia contra as mulleres e o empoderamento feminino.