Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo adxudica por 1,2 millóns o centro interxeracional de Lamas de Prado

Por 10 Marzo, 2021Marzo 11th, 2021Sin comentarios

Así será o novo centro de servizos sociais en Lamas de Prado

O Concello de Lugo vén de aprobar a adxudicación das obras de construción do novo centro de servizos sociais de Lamas de Prado, por 1,2 millóns de euros. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, salientou que as novas instalacións, que se construirán nunha parcela próxima á área comercial da Abella, prestarán servizo “a unhas 20.000 persoas” dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e O Castiñeiro, así como de diversas parroquias. O obxectivo, dixo, “é integrar nun só edificio, moderno e funcional, os locais da zona nos que actualmente se levan a cabo labores de benestar social, e que quedaron xa pequenos, e crear espazos polivalentes para dinamizar actividades para os nosos maiores e para os mozos e mozas, favorecendo así a convivencia interxeracional, pero tamén para os máis pequenos facilitando a conciliación das familias”.

Para a rexedora lucense, “o novo centro contribuirá á revitalización da zona, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética, ao tempo que se busca inserir social e laboralmente a colectivos vulnerables”. O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

CENTRO POLIVALENTE

Na construción do novo centro interxeracional de Lamas de Prado seguiranse “criterios medio ambientais e de sustentabilidade”, empregando a madeira como principal elemento estrutural. Na elaboración do proxecto tívose en conta a esixencia de alcanzar un edificio de consumo enerxético case cero e a instalación de paneis fotovoltaicos. No seu deseño tamén se avaliaron criterios de ubicación en función das horas solares, e a zona sur disporá dun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior.

O inmoble disporá de dúas plantas e un soto, que funcionará de xeito independente. Así, a planta baixa albergará actividades recreativas e formativas, coas que facilitar a convivencia interxeracional e a conciliación familiar, mentras que a planta superior se destinará a labores de traballo social.

A previsión do Concello é que o novo centro de Lamas de Prado acolla diversas funcións de asesoramento e axudas sociais, formación e cursos, así como actividades recreativas e de ocio, como baile, teatro, espectáculos ou xogos.